Un mes de prazo á familia Franco para retirar os bens do pazo de Meirás, a pesar da oposición política

|

A Xunta insiste en que fará todo o posible para evitar que os bens declarados BIC sexan trasladados fóra do pazo, a pesar da vontade dos Franco.


Pola súa banda, desde o BNG reclaman tanto ao Goberno de Galicia como a Moncloa que eviten "un novo espolio" da familia do ditador. 


Arquivo - Axentes da Garda Civil na entrada do pazo de Meirás o día da súa devolución ao EstadoPazo de Meirás | Foto: EP


O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña acordou conceder á familia Franco o prazo dun mes para a retirada "das cousas, bens ou obxectos" que hai no interior do pazo de Meirás, coa excepción daquelas que eventualmente se atopen nel por ser colocadas polo Estado tras tomar posesión do inmoble.

Ademais, a letrada da Administración de Xustiza, na dilixencia de ordenación, contra a que cabe presentar recurso de reposición, require ao Estado para que permita o acceso ao pazo dos profesionais que designe a familia Franco para poder efectuar a retirada dos bens.

Respecto a a petición da parte demandada de que se declare non existente, para todos os efectos, o inventario sobre os bens do pazo, así como de que se prohiba a súa divulgación, o xulgado outorga ás partes un prazo de dez días para indicar se están conformes con esta solicitude ou presenten alegacións.

A resolución atende á petición feita polos Franco nun escrito presentado polos seus letrados este luns despois de que a Sección Terceira Audiencia Provincial da Coruña revogase o depósito mobiliario a favor do Estado.

Sobre os bens existentes, os Franco xa adiantaron a súa vontade de retirar todos, incluídos os declarados como Ben de Interese Cultural (BIC), aínda que neste caso terían que pedir autorización á Xunta.

Recentemente, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, reivindicou tanto as estatutas Mestre Mateo como a biblioteca de Emilia Pardo Bazán como bens "de Galicia" e avanzou que a Administración autonómmica exercerá o seu marco competencial co obxectivo de que queden nesta autonomía.


SEN EFECTO O AUTO DO XULGADO

Coa decisión adoptada pola Audiencia da Coruña ao estimar o recurso da familia do ditador --que agora deberá ser "indemnizada" polos danos e prexuízos que lles puidera ocasionar esta situación--, deixouse sen efecto o auto do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña no que se ordenaba depositar a favor do Estado todos os mobles e elementos accesorios do pazo de Meirás.

Os maxistrados deixaron aberta, con todo, a posibilidade de que o Estado poida reclamar noutro preito a titularidade dos mobles que considere Patrimonio Nacional asignados ao xefe de Estado.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress