Os Franco tratan de levar os Bens de Interese Cultural de Meirás e a Xunta busca impedirllo

O conselleiro de Cultura asegura que a Administración galega exercerá o seu marco competencial

|

A familia do ditador ampárase na última sentenza para tratar de levar algúns obxectos como as estatuas do Mestre Mateo e a biblioteca de Emilia Pardo Bazán.


O conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, tacha de "bens patrimoniais de Galicia" algúns dos bens que agora tenta trasladar a familia Franco. 


Arquivo - Un home observa a fachada do pazo de MeirásPazo de Meirás | Foto: EP


O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, manifestou que a Administración galega exercerá o seu marco competencial co obxectivo de que as estatutas do Mestre Mateo e a biblioteca de Emilia Pardo Bazán, que cualificou como "bens patrimoniais de Galicia", queden nesta autonomía.

A preguntas dos xornalistas, e tras o escrito presentado no Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña por parte da familia Franco para a retirada de "todos os bens" do inmoble --incluídos, segundo precisou a Europa Press o seu letrado, os anteriormente citados, cualificados como Ben de Interese Cultural (BIC)--, o conselleiro incidiu en que estamos "ante unha cuestión xurídica que se debate con argumentos xurídicos".

Neste sentido, reiterou que se traballará "conxuntamente" co Goberno, a través dos seus respectivos servizos xurídicos, e insistiu en que a Xunta exercerá "as súas competencias nas materias que ten, a mobilidade dos bens BIC", apostilou en relación ás estatuas do Mestre Mateo e a biblioteca de Emilia Pardo Bazán.

"Cando coñezamos con detalle a petición avaliarémola", expuxo o conselleiro, quen recoñeceu que tiveron constancia do escrito dos Franco a través dos medios de comunciación e que, xa con constancia formal do mesmo, buscarán "argumentos xurídicos para defender o patrimonio cultural galego e dos españois".


PETICIÓN DOS FRANCO

Con todo, reafirmouse na intención da Xunta de que "estes bens patrimoniais de Galicia queden en Galicia". "Como parte do patrimonio dos galegos", insistiu aludindo, ademais, á "vontade firme" do Executivo autonómico a este respecto.

Por outra banda, precisou que a familia Franco terá que realizar antes "unha petición específica e concreta á Xunta para mover os bens BIC". "En función de como estea exposta esa mobilidade, a Xunta responderá partindo dos principios que acabo de dicir", engadiu.

Preguntado se a Administración galega ten potestade para esixir que os mesmos queden en Galicia, explicou que a ten "para informar e posibilitar ou non a mobilidade deses bens". "A intención é que eses bens queden en Galicia", precisou a este respecto.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE