Sanidade confirma unha proba piloto para o lecer nocturno en maio con previsión de reabrir en xuño
Dos resultados deses ensaios dependerá a reapertura do sector do lecer nocturno, que a pesar de todo está programado para mediados de xuño.
Desde o Goberno galego sinalan que a actividade se realizará nun "escenario similar" ao da restauración, con "requisitos adicionais" como a correcta ventilación e "mecanismos de entrada e saída".
A Xunta proxecta a apertura do sector para verán | Foto: EP
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, ratificou que os expertos barallan mediados do mes de xuño como data previsible de reapertura do lecer nocturno, tras realizar "un par de probas piloto" a finais de maio.
Segundo indicou, este escenario exporase se se cumpren "unha serie de hipótese", fundamentalmente relacionadas co ritmo de vacinación e con que toda a poboación maior de 60 anos recibise por entón algunha dose de vacina. "Por ter un horizonte temporal, falouse de xuño", explicou, en referencia á reunión do comité clínico.
Aínda que "non hai relación entre certas idades e o lecer nocturno", dixo Comesaña --en referencia aos grupos de idade que se vacinan--, o feito de ter cunha dose a todos os maiores de 60 anos "é un fito importante que podería supoñer un antes e un despois" tamén "para a volta á normalidade nalgún sector", como o do lecer nocturno.
Anticipando esta "posible situación", a Xunta trasladou a este sector un "escenario similar" ao da restauración, con "requisitos adicionais" como a correcta ventilación e "mecanismos de entrada e saída". Para testarlo, a intención é facer a finais de maio "un par de probas piloto".
Escribe o teu comentario