A Xustiza anula o pacto da Xunta e dous sindicatos e obriga a sumar a interinos e temporais a carreira profesional

A CIG valora como "demoledora" a sentenza e pide ao Goberno galego que non recorra e sente a negociar

|

Duro golpe a un acordo que sementou a polémica entre o persoal da Administración Autonómica e os seus sindicatos


A central máis votada, a CIG, gaña a batalla no Tribunal Superior, pero está por ver se as outras partes recorren


A sección primeira da Sala de Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) obriga á Xunta a incluír a persoal funcionario interino e laboral temporal no ámbito do sistema extraordinario da carreira profesional.

Feijóo e os responsables de UXT e Comisións miran como o conselleiro de Facenda asina o acordo da carreira profesional en 2019


Feijóo e os responsables de UXT e Comisións miran como o conselleiro de Facenda asina o acordo da carreira profesional en 2019 


Este fallo, con data do 17 de marzo de 2021, chega tras o recurso presentado pola CIG ao acordo asinado entre Xunta e os sindicatos CC.OO. e UXT para a implantación do réxime extraordinario de acceso ao grao I do sistema da carreira profesional, o cal excluía interinos e temporais do dereito para solicitar e integrarse no sistema de carreira profesional e, por tanto, de cobrar a mesma.



RAZOAMENTOS JUDRÍDICOS
Así, o fallo remítese á doutrina do Tribunal Supremo e do Tribunal de Xustiza da Unión Europea para considerar "discriminatoria a diferenza de trato entre o persoal fixo e o temporal no relativo á carreira profesional".

E é que segundo a Sala, o determinante para acceder á carreira profesional non é se o posto realízase con carácter fixo ou temporal, senón as competencias e o desempeño do persoal.

Os fundamentos de dereito expoñen que la aplicación do sistema extraordinario ten que abarcar, con carácter universal, a todo o persoal, independentemente do seu vínculo xurídico, sempre que cumpra cos requisitos de ter cinco anos de antigüidade, sen que se poida producir discriminación polo vínculo temporal ou permanente coa administración.

O fallo decide anular, "por contraria ao ordenamento xurídico", esta orde, "na medida en que exclúe ao persoal laboral temporal e aos funcionarios interinos do réxime de carreira profesional establecido".

Contra esta sentenza, que impón á Xunta o pago das custas procesuais, cabe interpoñer recurso de casación ante o Tribunal Supremo nun prazo de 30 días.

A CIG VE "DEMOLEDORA" A SENTENZA
Nun comunicado, a responsable da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos, considera "demoledora" esta sentenza, á vez que lembra que esta foi unha das razóns pola que o sindicato nacionalista non asinou o acordo no seu día, que "condicionaba ao persoal laboral fixo coa obrigación da funcionarización para acceder ao sistema extraordinario".

Por iso, este "novo golpe xudicial" á Xunta mostra que "non valen as chantaxes" cara a temporais e interinos. "Unha chantaxe polo que tamén interpuxemos outra demanda ante o TSXG, e da que estamos pendentes de xuízo", sinala Burgos.

CHAMAMENTO A RENEGOCIAR
Por todo iso, a CIG esixe ao Goberno galego que sente a negociar a inclusión de todo o persoal no ámbito do sistema extraordinario e que se recoñeza o dereito deste persoal con carácter retroactivo desde o 1 de xaneiro de 2019. Igualmente, pide á Xunta que non recorra ao Supremo ante a xurisprudencia existente.

Zeltia Burgos espera que "isto sirva de acicate para sacar a CC.OO., UXT e á Xunta do limbo de inacción e póñase en marcha xa o sistema anticipado para o acceso ao grao II para todo o persoal, incluíndo as persoas dos subgrupos A1 e A2".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE