Un de cada 200 adultos de Poio estaba infectado de coronavirus sen sabelo, apunta un macrocribado
A incidencia acumulada de Galicia anda polos 590 positivos por cada 100.000 habitantes en dúas semanas. A de Poio chegou a estar esta semana por encima dos 2.300
Poio parecía dobrar a súa curva hai uns días, pero os sorprendentes resultados do cribado ameazan con disparala de novo.
O da vila veciña a Pontevedra é un dos primeiros macrocribados que se completa con test de saliva. Máis do 30% dos habitantes de Poio entregaron un bote con saliva para analizar.
A área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés detectou 41 positivos nun cribado de Covid-19 realizado entre o pasado sábado e este martes no municipio pontevedrés de Poio.
Así o informou a Consellería de Sanidade unha vez finalizado a análise das mostras de saliva recollidas esta semana no cribado de Poio pola unidade móbil do Sergas.
Por parte da área sanitaria destacouse que aínda que se entregaron 6.462 tubos de saliva --o que representa un participación do 82% da convocatoria voluntaria--, finalmente recolléronse 6.170, o que supón un 95,5% dos tubos entregados e do 78,5 por cento da cidadá deste municipio convocada.
Isto supón que deron positivo o 0,6% dos que entregaron os seus tubos, todos eles entre 15 e 50 anos. Con esta cifra pódese estimar que, aproximadamente, un de cada 200 habitantes adultos Poio era portador de covid-19 asintomático ou polo menos sen ser diagnosticado antes cunha proba máis fiable.
Hai que ter en conta que a cifra oficial de censados en Poio segundo o IGE é de 17.oo7. Se entregaron o tubo de saliva 6.179, pódese estimar que o SERGAS cribó aproximadamente ao 36% do total da poboación de Poio.
En concreto, a área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés convocou entre o pasado sábado, 30 de xaneiro, e o martes 2 de febreiro un cribado preventivo de detección de casos de Covid-19 ao que estaban chamados 7.863 veciños do municipio de Poio de 15 a 50 anos, o que supón un 70 por cento da poboación censual total dese tramo de idade e o 78,7 por cento da poboación con tarxeta sanitaria.
Os resultados das mostras, que foron procesadas no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, foron comunicados aos usuarios por SMS, sempre que foron negativos. Os positivos comunicáronse de modo individual a cada cidadán, puntualizaron.
Por outra banda, a área Sanitaria de Ourense informou de que no cribado realizado no municipio do Barco de Valdeorras con 1.730 probas realizadas detectouse un único positivo por Covid-19.
Neste caso a participación foi dun 69,2 por cento das 2.500 persoas convocadas, sinalaron as mesmas fontes desta área sanitaria.
Escribe o teu comentario