As máscaras FPP3 galegas volven á venda e Galmask contrata máis traballadores pola "alta demanda"
A "alta demanda" das máscaras e das materias primas no mercado internacional obrigoulles a ter que traer o material por avión con urxencia,"Ao ter que recorrer con urxencia ao transporte aéreo os prezos dos transportes aumentan considerablemente.
Galmask, a única compañía galega que produce máscaras FFP3, anuncia que retoma a venda destes equipos tras un parón de varios días.
O 28 de xaneiro comunicou que supendía as vendas debido á altísima demanda. "Desde a administración pública requírennos tamén grandes cantidades de máscaras polo que incrementamos a capacidade de produción da nosa fábrica e ademais solicitamos un extra que nos será entregado por avión urxente nos próximos días", xustificábase nas súas redes sociais.
Fábrica de Ilever onde se producen as máscaras FFP3 de Galmask en Vigo nunha foto das redes sociais da marca
Dous días despois, o 30, Galmask anunciaba que retomaba as vendas, iso si, a maior prezo. O motivo? A "alta demanda" das máscaras e das materias primas no mercado internacional obrigoulles a ter que traer o material por avión con urxencia,
"Ao ter que recorrer con urxencia ao transporte aéreo os prezos dos transportes aumentan considerablemente. Para que se poidan facer unha idea, o custo do transporte marítimo (que é o normal) respecto ao aéreo multiplícase polo menos por 15", explican antes de prometer que o prezo baixará en canto volvan chegar subministracións por barco ata a fábrica de I-LEVER en Vigo, que é onde se fabrican. .
QUE É FFP3?
Para que unha máscara reciba a homologación FFP3 debe ser capaz, entre outros requisitos, de filtrar o 99% das partículas de entrada e saída. As FFP2, máis comúns, deben filtran o 95%.
A demanda de FFP2 disparouse esas semanas ao coñecerse que varios países están ás facer obrigatorias en lugares de risco, como centros sanitarios. Política que a Xunta tamén pretende aplicar, se lle deixa Moncloa.
IMPULSO ECONÓMICO PARA VIGO E SANTIAGO
Segundo informou no seu día a Xunta, que apoia o proxecto, a iniciativa empresarial supuxo un investimento de 600.000 euros e 30 postos de traballo directos e agora a empresa asegura que tivo que contratar máis persoal. A fábrica viguesa I-Lever e a distribuidora compostelá Firstprotec son os promotores desta aventura empresarial.
A fábrica empezou a funcionar coas certificacións a mediados de outubro. A finais de novembro empezou a comercializalas apoiadas con todos os certificados que esixe a UE.
Galmask dixo inicialmente que ía producir 1,5 millóns de máscaras ao mes, destinadas tanto ao mercado estatal como internacional, pero a finais de xaneiro indicou que "incrementamos a capacidade de produción da nosa fábrica".
Escribe o teu comentario