5.000 galegos esperando para ver ao psiquiatra

A Consellería de Sanidade, segundo os seus últimos datos, ten en lista de espera de psiquiatría a unhas 5.000 persoas, cunha demora media de 36,4 días, unha cifra que a finais do ano pasado era de 8.000 pacientes, cunha espera media de 41 días.

|

A especialidade ten un atraso duns 36 días por paciente. Con todo, a pesar de haber máis dun mes de espera, é unha cifra inferior aos 41 días que marcaba o ano pasado.




As cifras da Xunta de Galicia escandalizaron á oposición,  que critican a falta de transparencia do Goberno de Galicia para coñecer cal é a verdadeira situación da saúde mental en Galicia.


Jorge Aboal, durante a comisión.



A Consellería de Sanidade, segundo os seus últimos datos, ten en lista de espera de psiquiatría a unhas 5.000 persoas, cunha demora media de 36,4 días, unha cifra que a finais do ano pasado era de 8.000 pacientes, cunha espera media de 41 días.


Así o explicou o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, que compareceu na Comisión 5ª do Parlamento para presentar o Plan de Saúde mental da Xunta.


Foi no seo dun debate tenso, entre reproches da oposición, que afeou a "enésima presentación" dun plan que chega "con atraso" e "sen fondos" e con mencións ás denuncias interpostas por posible vulneración de dereitos humanos no Hospital Psiquiátrico de Conxo, ás que Aboal respondeu apuntando a colaboración do Goberno galego co Defensor do Pobo e indicando que a Fiscalía, que abriu dilixencias no seu momento, arquivou o caso o 10 de outubro.

Na súa intervención, o deputado socialista Julio Torrado puxo de relevancia as múltiples problemáticas que ten a atención á saúde mental en Galicia, que se viron agravadas durante a pandemia coa "agudización de trastornos xa existentes", a "soidade non desexada", as "dificultades para acceder ao sistema sanitario" ou o empeoramento dos síntomas de ansiedade.

"Este plan non afronta realmente estas cuestións", lamentou o deputado do PSdeG, que asegurou que Galicia ten "o peor cociente de profesionais por habitante" neste ámbito e, "en termos económicos", nos orzamentos da Xunta para o próximo ano "non hai diñeiro para todo isto que din que van facer".

Pola súa banda, a deputada do BNG Montse Prado afeou aos populares que "en 11 anos de Goberno", o "único que fixeron é meter nun caixón o que había" --en referencia ao plan de saúde mental do bipartito-- e "desmantelar os escasos dispositivos existentes". A maiores, acusou á Xunta de "opacidade cos datos" para "saber exactamente cal é a situación da saúde mental en Galicia" e demandou que se faga un estudo a nivel autonómico para coñecer "a realidade".


SAÚDE MENTAL: "A CUARTA ONDA DA COVID"

Tanto socialistas como nacionalistas mostráronse de acordo en que a saúde mental será "a cuarta onda da covid", ao verse agravada polas consecuencias e circunstancias da pandemia, e reclamaron á Xunta máis medios humanos para atender a estes pacientes. "Galicia lidera o consumo de psicofármacos. Se non hai profesionais para atender a esa poboación, o que queda é receitar psicofármacos", dixo Prado.


Para a deputada Encarna Amigo, desde o PP, o presentado pola Xunta é "un plan moi ambicioso" para facer fronte á "pegada psicolóxica" que a pandemia "deixará na maioría da poboación", así como para atender as necesidades do ámbito da saúde mental.

Por iso, e teniendo en cuenta a magnitude da cuestión, Amigo pediu a "todos" --especialmente á oposición-- que "cambie o chip" e comecen a "pensar en positivo" para desenvolver os programas e iniciativas incluídas neste plan.


PLAN DE SAÚDE MENTAL

O Plan de Saúde Mental 2020-2024 que presenta a Xunta, dotado con 83 millóns de euros, baséase en cinco eixos de actuación que agrupan 23 obxectivos concretos e un total de 98 proxectos.

Entre os eixos están a participación dos usuarios no sistema sanitario e o incremento da súa autonomía, a "recuperación como meta", a coordinación e a transversalidade, as iniciativas de saúde mental en infancia e adolescencia e a xestión da investigación e o coñecemento neste ámbito. Todo iso teniendo en cuenta, ademais, os efectos psicolóxicos da pandemia.

No ámbito dos recursos humanos, o plan recolle a creación de 241 novas prazas en catro anos, das que 54 son para psiquiatras; 45 para psicólogos clínicos e 66 para enfermeiros especialistas en saúde mental. Tamén haberá 5 novas prazas para terapeutas ocupacionais, 42 para auxiliares de enfermería e 29 para traballadores sociais.

Así mesmo, crearanse novos dispositivos asistenciais localizados en centros de especialidades, centros hospitalarios e centros de atención primaria. Trátase de cinco novas unidades de saúde mental de adultos (dous en Santiago, dous en Vigo e unha na Coruña) e dúas unidades de psicogeriatría (na Coruña e en Ourense).

Tamén se activará unha unidade de hospitalización para nenos e adolescentes, no Hospital Álvaro Cunqueiro en Vigo, que será de referencia para a zona sur de Galicia; así como dúas unidades ambulatorias de saúde mental infanto-xuvenil en Vigo e A Coruña, ademais de reforzarse a de Santiago. Do mesmo xeito, dotarase a todas as áreas sanitarias de hospitais de día infanto-xuvenís, para a atención ás patoloxías de maior gravidade.

Do mesmo xeito, incrementaranse as prazas de hospitalización de agudos e prazas hospitalarias destinadas á rehabilitación das persoas con trastorno mental grave: 22 novas prazas de hospitalización de pacientes agudos (15 na Coruña e 7 en Pontevedra) e 40 de rehabilitación psiquiátrica hospitalaria (20 en Vigo de referencia para Vigo-Pontevedra e 20 en Santiago de referencia para a Coruña-Santiago-Ferrol).

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE