A queixa dunha profesora da UDC a un alumno por facer un traballo en galego leva á universidade a pedir desculpas

A Universidade coruñesa desculpouse co afectado a través da súa conta oficial

|

As redes sociais foron un clamor esta fin de semana pola denuncia que fixo pública un alumno da UDC despois de recibir unha mensaxe dunha das súas profesoras que lle dicía que non podía corrixirlle un dos seus traballos redactado en galego. 


Despois de que outros alumnos manifestasen recibir a mesma mensaxe, a universidade coruñesa viuse empuxada a pedir perdón.


Captura de pantalla da denuncia dun estudante da UDC


Un alumno da Universidade da Coruña (UDC) fixo pública este domingo unha resposta trasladada por unha profesora da institución académica a un traballo que o mozo presentara en galego.

No texto, que xa se fixo viral con decenas de respostas e comentarios na rede social 'Twitter', a profesora pon problemas ao alumno por presentar unha redacción en lingua galega e advírtelle que puntuará o traballo a partir do texto resultante do tradutor de 'Google'.

"Finalmente, paréceme xusto comentarche que non podo corrixir a redacción en galego, como xa imaxinarías. Os textos que non entendo tradúzoos en Google, e valorarei a redacción segundo o texto que me de", respondeu a profesora ao rapaz.

Ante esta situación, o alumno denunciou o caso a través das redes sociais, co obxectivo de reivindicar que se cumpran os seus dereitos lingüísticos. "Acábame de chegar esta resposta dunha profesora da UDC por un enviar un traballo en galego, ano 2020 universidade pública galega".

A publicación recibiu decenas de respostas doutros usuarios da rede social, na que se solidarizan co caso e lémbrase que o galego é lingua cooficial de Galicia.

Nestas respostas, o alumno, que responde ao alias de usuario '@antonio_cendan', indica que outra compañeira recibiu "a mesma mensaxe" desta profesora e avanza a tramitación dunha queixa polo ocorrido.

"Non contaba con ter tal repercusión, pero falando cunha compañeira que recibiu o mesmo mensaxe esperamos que se tomen as medidas necesarias e esperamos unha desculpa, pero tendo sempre claro que cando se trata da defensa da lingua calar non é unha opción".


DESCULPA DA UDC

A Universidade da Coruña, pola súa banda, xa se pronunciou sobre a polémica e dirixiuse directamente aos alumnos afectados a través do seu perfil oficial na rede social.


O reitor da UDC, Julio Abalde, reelixido no cargo

Julio Abalde, reitor da UDC


"Trasládovos a ti e á túa compañeira a desculpa da institución. É lamentable. Calar non é unha opción cando traballamos arreo por unha universidade pública, galega e feminista", sinala a universidade na súa resposta.




Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE