Inditex recorta os dereitos laborais das súas empregadas coa escusa do coronavirus, denuncia CIG
Este venres celebráronse manifestacións en distintas tendas do grupo fundado por Amancio Ortega por parte de delegadas e traballadoras de locais da compañía téxtil.
Xunto con a modificación dos calendarios laborais, os afectados denuncian que Inditex "eliminou de golpe o día libre, o límite de tardes e a libranza de fin de semana, e as traballadoras nin sequera poden gozar en moitos casos do descanso semanal mínimo que establece a lei".
Delegadas da CIG e traballadoras nas tendas de Inditex mobilizáronse este venres diante de varios establecementos que o grupo ten na praza de Lugo da Coruña para denunciar "o recorte de dereitos laborais que a multinacional pretende impoñer a conta da emerxencia sanitaria".
Carmiña Naveiro, presidenta do comité de Zara na Coruña, explicou que "baixo a escusa da pandemia, Inditex modificou todos os calendarios laborais que estaban acordados, cambiando as xornadas e os horarios ao persoal, mesmo a aquelas traballadoras que teñen concreción horaria para o coidado de nenos".
Segundo a CIG, a empresa "impón" quendas "que impiden a conciliación e supoñen unha importante perda de diñeiro para o persoal, que se ve na tesitura de ter que elixir entre traballar ou conciliar".
"A maiores, con estes cambios, a compañía eliminou de golpe o día libre, o límite de tardes e a libranza de fin de semana, e as traballadoras nin sequera poden gozar en moitos casos do descanso semanal mínimo que establece a lei", engade nun comunicado no que explica que a CIG presentou nove demandas de conflito colectivo.
Escribe o teu comentario