A Madroa sae ao rescate no peor momento do Celta
Os canteiráns están a asumir o papel de salvadores nun equipo falto de frescura e que suma cinco tropezos seguidos.
Os canteiráns están a asumir o papel de salvadores nun equipo falto de frescura e que suma cinco tropezos seguidos.
Carreira celebra o seu gol ante o Levante | Foto: RC Celta
Cinco xornadas sen gañar devolven ao Celta de Vigo á pelexa pola permanencia, unha batalla na que levan atrapados desde fai tres tempadas. O club galego non logra dar coa tecla nin no campo nin nos despachos e mesmo algunhas voces empezan a falar dun cambio de rumbo no referido á dirección do banco celeste, algo precipitado, sobre todo se temos en conta que dos últimos técnicos que pasaron por Balaídos, a proposta de Óscar García é tívoa mellor predicamento entre os xogadores e a afección.
Pero a realidade é que polo momento as poucas cousas boas que se viron no Celta non se traducen en resultados. Algúns xogadores chamados a liderar o equipo, como Santi Mina ou Denis Suárez, están aínda moi lonxe do seu nivel, mentres que aínda que a entrega de Aspas ou Nolito segue intacta os anos nótanse cada vez máis. A isto hai que sumar as inoportunas ausencias como a de Aidoo ou a inexperiencia dunha portería que ten a Iván Villar como o seu único inquilino.
Con todo, en Vigo si poden celebrar o traballo que vén realizando desde as categorías inferiores do club e que este ano permitiu a futbolistas como Fontán, Veiga ou Carreira gozar de minutos no primeiro equipo. Este último erixiuse onte como figura do partido ao anotar o tanto do empate na súa segunda aparición coa elástica celtiña. De feito, o seu concurso só foi posible polas lesións de Hugo Mallo e Kevin, pero o seu bo facer parece abrirlle as portas do vestiario aos seus 20 anos.
Unha mención á parte merece Miguel Baeza, que a pesar de ter ficha do filial chegou este verán desde o Madrid Castela. O cordobés caeu de pé na disciplina olívica e, a pesar de que non gozou de oportunidades nos últimos dous choques, destapouse como un verdadeiro descubrimento e como un comodín para os esquemas do técnico do cadro vigués.
Escribe o teu comentario