Debe Galicia pedir o estado de alarma tras o récord de contagios? O PSdeG di si e chama a Feijóo a facelo
Con 687 novos contagios por coronavirus, récord desde marzo, Galicia atópase nunha situación moi delicada, con máis de 6.000 casos activos nestes momentos.
Desde os socialistas galegos cren que esta escalada de casos debe ir acompañada da solicitude do estado de alarma, algo que xa fixeron case unha decena de comunidades, e fan un chamamento á Xunta para que se adhiran á solicitude.
Gonzalo Caballero e Alberto Núñez Feijóo
O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instou ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, a que solicite, como xa fixeron ata o momento nove autonomías, a declaración do estado de alarma como ferramenta legal para o ditado de restricións extraordinarias para conter a expansión do virus.
Caballero ofreceu unha rolda de prensa na mañá deste sábado para reclamar a Núñez Feijóo que "non obstaculice as tarefas que hai que tomar para actuar contra o virus" e, deste xeito, sómese ás comunidades que piden a reactivación do estado de alarma, que previsiblemente será declarado este domingo nun Consello de Ministros extraordinario.
"Feijóo ten que decidir se quere estar na estratexia da confrontación do PP ou no que lle piden os cidadáns", sinalou Caballero, que advertiu de que "cada día que pasa é un día" e "non" poden "dilatarse as solucións".
Ademais de apoiar a declaración do estado de alarma, que considera a "mellor ferramenta legal" para apoiar as medidas, o líder dos socialistas galegos tamén reclama ao presidente da Xunta que leve a cabo "un plan de resposta ante o virus" que pase por "reforzar" o sistema sanitario cunha aposta pola atención primaria e que "non se atrasen" operacións e intervencións.
"A mellor forma de defender a economía é frear o virus e defender a saúde da cidadanía", sentenciou Caballero.
Escribe o teu comentario