Dous vixiantes de seguridade agredidos en instalacións da Xunta de Galicia, denuncia UXT
A Unión Xeral de Traballadores denuncia e condena as agresións que sufriron dous traballadores da seguridade privada “nun edificio administrativo da Xunta”.
A Unión Xeral de Traballadores denuncia e condena as agresións que sufriron dous traballadores da seguridade privada “nun edificio administrativo da Xunta”.
Os feitos sucederon a finais de setembro, en Vigo, e desde o sindicato critican que este tipo de agresións reproducíronse nos últimos tempos no sector.
Os dous traballadores agredidos traballan no control de acceso. O episodio desencadeouse cando os empregados notificaron a un usuario de que non podía acceder ás instalacións da Xunta ao non dispoñer de cita previa, tal e como marca o protocolo actual por mor da crise sanitaria provocada pola COVID-19.
“Podemos entender que é moi difícil concertar as citas, pero ningún cabreo xustifica a agresión aos traballadores de Seguridade Privada, cando eles soamente están a desenvolver as súas funcións de acordo aos protocolos de actuación que marca a Xunta de Galicia”, subliñan desde UXT.
Na mesma liña, piden comprensión á cidadanía nesta situación que afecta a todos. “Mediante as agresións non van conseguir axilizar antes os seus trámites”, lembran. Á vez, insisten en que os vixiantes de seguridade “están para axudar e non para entorpecer aos cidadáns, en calquera servizo onde se atopen estes traballadores”.
“As responsabilidades hai que reclamalas a quen impón as normas, non a quen as fai cumprir”, conclúen desde o sindicato.
Escribe o teu comentario