Camiño á nacionalización de Alcoa? O Estado advirte que non aceptará un monopolio do aluminio

O período de consultas termina sen acordo despois de fracasar a venda da planta tanto a Liberty como á SEPI

|

Non hai acordo, nin para que o Estado compre Alcoa San Cibrao nin para os despedimentos. De feito, as acusacións empezan a subir de ton. Especialmente significativas son as declaracións procedentes do Ministerio, quen acusa abertamente á multinacional de tentar crear un monopolio. O secretario de Estado advírtelle que isto non é "aceptable". Está por ver se todo queda en meras palabras ou Industria intervén a planta, como lle piden explicatamente os traballadores e o BNG. Por agora, a Xunta súmase á estratexia de meterlle presión á compañía.


Traballadores de Alcoa convocados no Pazo de Cea horas despois da finalización dunha mesa de negociación coa empresa, en Nigrán, Pontevedra, Galicia (España), ao 28 de setembro de 2020.


O presidente do Comité de Empresa cualficia de "incrible" o simulacro de negociación de onte. José Antonio Zan asegura que Alcoa non puxo sobre a mesa unha proposta de despedimentos, simplemente quedou en mandala por email. Hoxe ás 13 horas os traballadores teñen unha asemblea en San Cibrao para abordar máis accións de protesta. Insisten en que se amplíe o período de negociación dos despedimentos. Zan non entende como Alcoa negociou co Estado a venda da planta condicionándoa a un ERTE que non se negociou cos proletarios.


OFENSIVA VERBAL DESDE MADRID

Desde Secretaría Xeral de Industria e da Pequena e Mediana Empresa non se descarta a intervención. De feito, das palabras de Raúl Blanco Díaz  dedúcese que o Estado non aceptará o peche da fábrica. A cuestión crave é se esta dura advertencia convértese en medidas concretas, ou queda noutra ofensiva dialéctiva para meterlle presión aos norteamericanos.



Eles só teñen un obxectivo, parece ser o do peche; para manter un monopolio, ou ampliar, ou crear un monopolio de o aluminio, traelo de fóra de Europa e iso non é aceptable


"As administracións tanto a Xunta como o Goberno de España terán que tomar decisións non só no ámbito laboral para que iso sexa posible, para que siga a planta en marcha; Alcoa aboca a un conflito innecesario e inmoral aos traballadores, ás familias, á comarca da Mariña e ao conxunto de Lugo sen ningunha necesidade porque hai viabilidade e eles só teñen un obxectivo, parece ser o do peche; para manter un monopolio, ou ampliar, ou crear un monopolio do aluminio, traelo de fóra de Europa e iso non é aceptable agora mesmo" declarou o secretario nos micrófonos de RNE.


SANTIAGO TAMÉN METE PRESIÓN

A Xunta esqueceuse por agora dos ataques ao Ministerio que lanzaba antes das eleccións. O conselleiro de Industria estase está a sumar a meterlle presión a Alcoa. Francisco Conde ve "decepcionante" a actitude dunha compañía que "se negou a todo". "Alcoa está a traizoar a confianza dos traballadores e que as dúas administracións trasladamos estes anos", declarou o mandatario. 


RELATO DA EMPRESA

A multinacional, mentres, culpa aos operarios. Alcoa sinala ao período de 15 días que, segundo destaca, ten agora para decidir sobre un proceso de despedimento colectivo na planta de aluminio de San Cibrao, en Cervo (Lugo), tras frustrarse a venda tanto a Liberty como á SEPI e despois de que "os traballadores negáronse a negociar un plan social e non foi posible un acordo".

E é que este luns concluíu o período de consultas para a fábrica sen acordo, despois dunha reunión de case 10 horas convocada pola empresa en Nigrán (Pontevedra), a unhas tres horas da Mariña lucense.

"Alcoa ten agora 15 días para tomar unha decisión sobre a planta de aluminio que ten unha capacidade de produción de 228.000 toneladas ao ano", apunta a propia empresa nun comunicado.

Lembra, na nota de prensa, que o 13 de agosto anunciou que aceptara chegar a un acordo cos representantes dos traballadores para estender o período formal de consulta do despedimento colectivo para que a compañía puidese negociar "unha posible venda da planta de aluminio a GFG Alliance".

O período do proceso de negociación completouse posteriormente sen que GFG Alliance e Alcoa chegasen a un acordo sobre os termos de venda.

ALCOA REFÚXIASE NAS LEXISLACIÓN

Segundo o acordo asinado cos representantes dos traballadores, incide Alcoa, en caso de non chegar a un acordo de venda ao 27 de setembro de 2020 --o pasado domingo--, Alcoa e os representantes dos traballadores reuniríanse "durante un día" para negociar un plan social para un Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) ou a aplicación dun despedimento colectivo permanente (ERE).

Este luns, advirte, "os representantes dos traballadores negáronse a negociar un plan social e non foi posible un acordo, polo que Alcoa conta agora cun prazo de ata 15 días, conforme á normativa española, para tomar unha decisión en relación ao proceso de despedimento colectivo".

Engade Alcoa que o 25 de xuño iniciou o proceso formal de consulta para estudar un plan de reorganización cos representantes dos traballadores. "O plan, destinado a frear as perdas financeiras persistentes e recorrentes da planta de aluminio, recomendaba a parada das cubas de electrólises e manter en funcionamento unha parte da fundición", subliña.

Sobre o proceso de venda, Alcoa defende negociar "de boa fe ao longo do proceso de venda con GFG Alliance", pero insiste en que non pode acordar a venda "en condicións que non sexan razoables".

Asegura facer "unha oferta equilibrada para ambas as partes" e "varias concesións para chegar a un acordo". Pola contra, acusa a GFG de non negociar "dentro do prazo que se comprometeu a cumprir", de "negarse a proporcionar ningún tipo de financiamento para apoiar o futuro da planta" e de insistir "en termos comerciais pouco razoables", incluída a aprobación de calquera venda futura da refinería, o cal está "fóra do alcance do acordo cos representantes dos traballadores do 13 de agosto".

TAMÉN REXEITA A OFERTA DE COMPRA POR PARTE DO ESTADO
Agradece a "predisposición" do Goberno para buscar alternativas ante a "falta de progreso" por parte de GFG Alliance pero afirma que o Goberno tamén fixo propostas nos últimos días a través da SEPI cuxas propostas "inclúen unha serie de cuestións que impiden chegar a un acordo en condicións comerciais razoables; entre elas, aínda que non exclusivamente, a solicitude de dereitos preferentes sobre a refinería".

"Non se pode esixir a Alcoa que achegue máis recursos e financiamento dos que xa se comprometeu a realizar en cantidades importantes neste proceso de venda, nin que acepte condicións fóra de mercado, nin peticións fose do ámbito do acordo cos representantes dos traballadores", reitera.

Neste sentido, conclúe que a refinería de alúmina de San Cibrao "non se incluíu en proceso de consulta nin no de venda".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE