A Atención Primaria na encrucillada tras a epidemia da COVID-19
Mellorar a coordinación da Atención Primaria co resto de servizos sanitarios como Saúde Pública e Hospitais, e non sanitarios como Traballo Social ou Atención á Dependencia.5.
Artigo de opinión dos Doctores: Manuel Martín García, médico especialista de Atención Primaria de Marín e Xosé M.ª Dios Diz, médico especialista de AP de Outes.
Antes da pandemia polo coronavirus, a Atención Primaria (AP) atravesaba unha profunda crise, consecuencia dos recortes orzamentarios ocasionados polo PP (apenas é o 12% do gasto sanitario); limitacións de acceso a probas e recursos diagnósticos; listas de agarda escandalosas cas especialistas, irracionalidade e deficiencias na composición dos profesionais dos Equipos de AP; sometemento aos intereses hospitalarios que limitan o importante papel da AP no Sistema Sanitario Público en Galicia.
Coa pandemia que desbordou a hospitais (e UCIs), a AP demostrou a importancia de dispoñer dun nivel asistencial universal, próximo á poboación e coñecedor do historial de saúde de persoas, familias e comunidades. Durante a crise, a AP, identificou contaxios e contactos. Fixo o tratamento e seguimento das persoas infectadas sen gravidade nos seus domicilios, evitou o colapso das camas dos hospitais moi recortadas polos gobernos conservadores, atendeu outras patoloxías e resolveu as dúbidas e temores da poboación por vía telefónica. E todo, ca falta de persoal nas diferentes categorías profesionais.
Se non facemos unha forte presión social e profesional, para conseguir cambios de calado e non só de boquilla, a nova realidade post-pandemia pode deteriorar aínda máis os problemas que ven arrastrando desde hai moito tempo a Atención Primaria
Nesta situación, pensamos que o esforzo para restablecer a normalidade do sistema de saúde, supoñería un importante impulso para a reforma e mellora da AP, e deunos esperanza….. Pero a realidade foi por outro camiño durante a pandemia, pois os responsables políticos non foron quen de encontrar solucións axeitadas o tratamento de algo para o que non estabamos preparadas; e cales foron as causas:
1.- A maioría de CCAA (Comunidades Autónomas) pecharon Centros de Saúde, concentrando nalgúns deles os servizos de chamadas telefónicas, coa finalidade de evitar contaxios do persoal e da poboación usuaria.
2.- As autoridades dalgunhas CCAA, ademais de pechar os centros de saúde, utilizaron aos profesionais dos mesmos, nos chamados Hospitais de Campaña, onde desempeñaron unha actividade irrelevante e subalterna.
3.- Substituíuse a consulta presencial pola telefónica (nalgúns centros telemática) controlada polo persoal administrativo que realizaa criba e distribúe as demandas entre os diferentes profesionais dos equipos. Moitos centros de saúde, non realizan consulta presencial ou mesmo teñen lista de agarda para levala a cabo. O argumento utilizado para adoptar esta medida, foi “evitar contaxios nos centros de saúde”.
4.- Como consecuencia, gran parte dos centros estiveron baleiros durante esta crise, sen atender a pacientes con outras patoloxías nin aos programas de crónicos, da muller ou do neno san. Coa chegada do verán e diante da falta de persoal por vacacións ou baixas laborais, pecháronse consultas, chegando nalgunhas, a situacións límite como que de 7 facultativos só unha pase consulta (O Grove).
5.- En moitas CCAA o rastrexo para identificar os contactos das persoas infectadas, foi privatizado e asignado a empresas multinacionais (como Quirón ou o Grupo Konecta), ou simplemente non se realiza. Nas que isto non ocorreu, a falta de persoal nos centros de saúde fai imposible esta actividade que esixe tempo para poder levala a cabo con seguridade e eficacia. En Galicia, Feijoo dixo que tiñamos “6.108, rastrexadores”: poucas veces unha mentira tan grande tivo tanto eco no estado español... e o creron! Agora, pide axuda ao exército…. vaia xestor!
6.- A coordinación do persoal rastrexador/a coa Atención Primaria, foi débil ou nula: non existe a necesaria coordinación deste nivel cos Servizos de Saúde Pública, imprescindibles para a vixilancia epidemiolóxica e a identificación temperá de novos casos.
7.- A falta de recursos de xestión nas Áreas Sanitarias, impediu ou limitou, a coordinación dos servizos de AP, cos hospitais, saúde pública e autoridades locais con recursos para a información ou a intervención social, nunha pandemia que esixía unha intervención pluridisciplinar e sociosanitaria.
8.- Segue sen poñerse en marcha a participación cidadá, na planificación, desenvolvemento e control das actividades dos Centros de Saúde o que impide a colaboración da poboación e as súas organizacións na loita contra a pandemia. Mantense a medicalización da actividade sanitaria, centrada na consulta médica (agora telefónica) o que impide a implicación social no control dunha pandemia que ten moito que ver co comportamento social e co cumprimento das recomendacións dos servizos de epidemioloxía.
9.- A AP apenas prestou asistencia ás persoas ingresadas nas Residencias de Maiores, en boa parte en mans de multinacionais, fondos de investimento, fondos voitre e da igrexa. A falta de persoal, a masificación e as trabas para ingresar en hospitais, así como que as persoas contaxiadas nas mesmas disparou a mortalidade nxs residentes, que sofren unha inaceptable discriminación ao perder o dereito á atención sanitaria pública.
10.- As Comunidades Autónomas non incrementaron os orzamentos de primaria, nin crearon as novas prazas nos Centros de Saúde (especialmente de enfermaría), necesarias para prestar coidados e asistencia nos Centros de Maiores ou nos domicilios das persoas afectadas. Descoñécese que parte dos novos fondos destinados a combater a pandemia, estan destinados a AP.
Pois ben, en lugar de reorientar o esforzo para a recuperación do Sistema Sanitario Público (profundamente danado polas políticas de recortes, perpetradas polos gobernos do PP, parece “apestarse” a AP, desde as administracións (e algúns grupos profesionais corporativos) limitando a demanda asistencial pública con diferentes medidas, como:
Que propostas consideramos importantes?
1. Incrementar de xeito urxente o orzamento sanitario, destinando a Atención Primaria e que a maior parte do novo investimento sanitario, sexa destinado a recuperar o sistema tras a pandemia. O obxectivo sería alcanzar o 25% do orzamento, en 5 anos.
2. Contratar e acabar coa precariedade laboral do persoal, dimensionando os equipos multidisciplinarios, para acabar coa medicalización da atención e responder ás necesidades de saúde da poboación.
3. Incrementar a responsabilidade da AP con novas funcións (vixilancia epidemiolóxica ou atención ás residencias de maiores), actividades (promoción, prevención, rehabilitación, atención á cronicidade, educación para a saúde) e incorporar novos recursos e profesionais como xs fisioterapeutas, a psicoloxía clínica, traballo social, logopedia, atención temperá….
4. Mellorar a coordinación da Atención Primaria co resto de servizos sanitarios como Saúde Pública e Hospitais, e non sanitarios como Traballo Social ou Atención á Dependencia.
5. Desenvolver o Modelo Comunitario, incorporando á poboación á planificación, desenvolvemento e control das actividades de saúde, coa colaboración dos recursos da comunidade, para actuar con eficiencia sobre os determinantes da saúde.
6. Mellorar a accesibilidade, acabando coas listas de agarda, mellorando as áreas administrativas de apoio á atención e limitando a consulta telefónica ou telemática a actividades complementarias que non limiten ou interfiran coa necesaria relación persoal e presencial entre traballadores de AP e a poboación, e que non discriminen aínda máis, ás persoas maiores ou con dificultades culturais e formativas, para o manexo das novas tecnoloxías. Implementar a Participación Cidadá, nos Consellos de Saúde de Área e no Consello de Saúde de Galicia.
7. Optimizar de maneira inmediata, as conclusións do Consello Técnico de AP de Galicia, onde as 16 Comisións Técnicas de traballo, teñen o borrador do Novo Modelo de AP de Galicia.
Se non facemos unha forte presión social e profesional, para conseguir cambios de calado e non só de boquilla, a nova realidade post-pandemia pode deteriorar aínda máis os problemas que ven arrastrando desde hai moito tempo a Atención Primaria. De nós depende!
Escribe o teu comentario