Sanitarios da área de Pontevedra volven levar as súas protestas á rúa este venres
Os sindicatos CESM Galicia, CO-BAS e PROSAGAP anuncian unha protesta para mañá 26 de xuño ás 20 horas.
Os sindicatos CESM Galicia, CO-BAS e PROSAGAP anuncian unha protesta para mañá 26 de xuño ás 20 horas.
A manifestación sairá do Hospital Provincial e percorrerá as rúas da cidade do Lérez ata a Praza de España. O obxectivo dos sindicatos convocantes é reclamar a apertura dunha mesa de negociación para “dar cumprimento a un decálogo de demandas que veñen reclamando desde hai anos”.
Protesta en Pontevedra o pasado maio
Desde os organismos recalcan o “o diálogo e a negociación” son a única solución a un conflito “que dura máis de tres meses”. Na manifestación, destaca a nota conxunta, gardaranse as medidas de seguridade, como a distancia de seguridade e o usode máscaras, ademais de non usar “siglas de ningún tipo”.
A marcha, ademais, conta co respaldo da Comisión de Atención Hospitalaria da área Sanitaria de Pontevedra e a CXT, que tamén mostran a súa falta de sintonía coa xerencia da área sanitaria “tanto co seu director xerente, como coa directora asistencial e a directora de Recursos Humanos, que reflicten o menosprezo e a falta de sensibilidade da Administración Sanitaria cara aos seus profesionais no momento de máxima crise sen atender as súas peticións”.
“Entendemos que é o momento de expor ao Conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, a necesidade de facer un cambio á fronte da Dirección da área Sanitaria de Pontevedra”, reclaman os sindicatos.
Ese é, de feito, o primeiro dos puntos do decálogo elaborado polos sindicatos, onde tamén abordan outros puntos como o cumprimento da Lei de Prevención de Riscos Laborais dentro do ámbito do SERGAS, “garantir a seguridade dos traballadores” na loita contra o coronavirus, transparencia nas listas de espera ou o fin da privatización dos servizos “sanitarios e non sanitarios”, ademais doutras demandas como o recoñecemento da figura do celador como persoal sanitario ou contratos “dignos”.
Escribe o teu comentario