Activistas reclaman o peche da entulleira de Grixoa-Miramontes tras o incendio
Os veciños falan dun incendio espontaneo a pesar das sospeitas de que puido ser provocado. Hoxe protestaron diante da sede da Consellería de Medio Ambiente en Santiago.

Varios colectivos protestaron este xoves ante a Consellería de Medio Ambiente para reclamar o peche das instalacións da entulleira de Grixoa-Miramontes, por "non cumprir coa normativa de xestión de residuos" e xerar "un impacto ambiental e social", que "poucos días" atrás "completouse" co "incendio espontáneo de parte do material depositado nel".
Ata diante da sede do departamento que dirixe Ángeles Vázquez, no barrio compostelán de San Lázaro, desprazáronse membros da Plataforma de Afectados polo Vertedoiro de Santiago de Compostela-Miramontes, da Plataforma de Casalonga Limpa de Residuos de Teo e da Asociación ecoloxista Adega.
Na protesta, deron lectura a un manifesto que, entre outras cuestións, baixo o lema 'Xa abonda de tantos incumprimentos!', incide na proximidade de vivendas habitadas e reproba os "constatados lixiviados" do complexo ambiental, así como que o vial de acceso "incumpre o límite de tonelaxe", xa que "está habilitado para a empresa de áridos" e non para "o volume de tránsito de camións que soporta".
O manifesto, tamén alerta dos cheiros nas parroquias limítrofes, así como das "serias posibilidades de contaminación de acuíferos e concas próximas". "Porque o lixo non se enterra e pola nefasta xestión de residuos da Xunta, situando a Galicia na cola do Estado e de Europa en cifras de reciclaxe", agrega.
Finalmente, pide "atención e solucións" por parte da Consellería por outros motivos como a súa "falta de implicación" na "correcta xestión dos biorresiduos" a través da compostaxe in situ e en pequenas plantas ou pola "inexistencia" dun canon ás verteduras e á incineración de residuos, xa que "resulta mais barato enterrar".
Escribe o teu comentario