Ataque grupal contra policías (vídeos) nun control da corentena deixa dous axentes feridos en O Vao, Poio
Dous axentes da Policía Local de Poio (Pontevedra) permanecen ingresados nun centro hospitalario, despois de ser vítimas do ataque realizado por un grupo dunhas 20 persoas no poboado de O Vao de Arriba. Ambos presentan contusións, mazaduras e diversos cortes.
Machadas e paus foron utilizados por algúns habitantes de O Vao, un poboado con problemas de tráfico de drogas, para atacar aos axentes tras o arrestro dun reicidente en saltarse o confinamento, segundo a versión policial. O Concello de Poio informa que hai 8 identificados para "a súa posterior detención".
Segundo fontes das forzas de seguridade consultadas por Galiciapress, a orixe do conflito foi o lanzamento dunha pedra a un coche da USECI de Garda Civil de Vigo cando estaban a poñer unha multa. Os gardas civís saíron detrás do agresor e detivérono. Lograron metelo no coche e saír do poboado tras recibir máis pedradas no vehículo.
Corenta e cinco minutos despois o 112 recibiu unha chamada alertando dunha suposta pelexa en O Vao. Ao chamar ao 112, os denunciantes lograron que os primeiros en chegar fosen axentes da Policía Local, que nada sabían do incidente previo. "Segundo entrou a patrulla, estaban a esperar uns rapaces e rebentáronlle o coche a pedradas", indican as citadas fontes. Os axentes escaparon con feridas por cortes de cristais. Posteriormente chegaron os reforzos da Garda Civil e a Policía Local.
Este é o vídeo conseguido por Galiciapress da parte final do incidente onde a Garda Civil tenta tranquilizar os ánimos a pesar de que hai persoas que os ameazan con paus:
Segundo informaron fontes da Xefatura da Policía Local de Poio, os feitos tiveron lugar este luns, ao redor das 20,30 horas.
Unha patrulla da Garda Civil estaba a realizar un control de mobilidade con motivo do estado de alarma decretado pola pandemia do COVID-19, cando déronlle o alto a un home xa coñecido polos axentes do instituto armado pola súa reincidencia en saltarse o confinamento.
A parte final do conflito pódese ver neste vídeo publicado por Aurousa Si Radio:
VERSIÓN DA GARDA CIVIL
Cando os axentes da Garda Civil procedían á súa detención, un grupo de persoas reaccionou a pedradas contra o coche patrulla. Foi entón cando un coche do corpo de seguridade municipal chegou á zona, despois de ser avisado polo 112, e recibiu o impacto de varias pedras.Posteriormente, estes mesmos individuos atacaron os automóbiles con paus, provocando cuantiosos danos materiais.
A Policía Local de Poio denuncia que os seus axentes foron recibidos "con paus e machadas" por un grupo "esnaquizando o vehículo policial e ferindo a dous compañeiros".
O corpo confirmou a detención dun dos presuntos responsables deste ataque contra as forzas da orde. As dilixencias continúan abertas ata que se identifique ao resto de persoas implicadas nestes disturbios.
Segundo o concello, xa hai oito identificados. Os axentes pasaron polo Hospital de Pontevedra, pero xa están na casa recuperándose, di o municipio.
Escribe o teu comentario