O Supremo xulgará aos ‘19 de Meirás’ pola súa protesta e Rego cre que deberían ser os Franco “os que sentasen ante o tribunal”
Rego atende a Galiciapress para compartir as súas impresións por este traslado da causa, que afrontan “con determinación e orgullo por unha acción que entendemos de xustiza e absolutamente necesaria para restituír a dignidade a todas as persoas represaliadas polo franquismo e especialmente aquelas que foron vítimas do atropelo para que o ditador fixésese ilegítimamente coa posesión do Pazo de Meirás”.
A Fundación Francisco Franco e a familia Franco sentaron no banco dos acusados aos 19 participantes nunha protesta “simbólica e pacífica” segundo a defínen os denunciados. Acusados entre os que figura Néstor Rego, membro do Congreso dos Deputados polo BNG e que goza da condición de aforado.
Rego atende a Galiciapress para compartir as súas impresións por este traslado da causa, que afrontan “con determinación e orgullo por unha acción que entendemos de xustiza e absolutamente necesaria para restituír a dignidade a todas as persoas represaliadas polo franquismo e especialmente aquelas que foron vítimas do atropelo para que o ditador se fixese ilexítimamente coa posesión do Pazo de Meirás”.
Protesta dos '19 de Meirás'
O auto do Xulgado de Instrución nº2 de Betanzos é claro: a causa é indivisible, así como as súas acusacións, xa que a denuncia da Fundación e os Franco non distingue entre denunciados, atribuíndo a realización dos presuntos delitos imputados na denuncia a todas as persoas participantes de forma conxunta. Así, o xulgado acordou a “inhibición da causa” a favor do Tribunal Supremo.
Desde a plataforma denuncian que a denuncia “tenta criminalizar o exercicio ao dereito democrático á liberdade de expresión, un feito que consideramos en si grave e inadmisible”. “Os herdeiros dun ditador que co seu réxime trouxo ao noso país o terror durante máis de 40 anos nunha cruel e asasina ditadura, están agora pedindo ata 13 anos de prisión para quen defende a democracia e a memoria histórica”, critican os denunciados.
“Estamos orgullosas e orgullosos do que fixemos, e, aínda considerando que este proceso xudicial é un sen sentido, estamos dispostas e dispostos a enfrontalo” expresan desde a plataforma.
“O MUNDO AO REVÉS”
O papel de Néstor Rego, portavoz da plataforma, nesta causa é fundamental para que esta pase ás salas do Supremo. A pesar da noticia, Rego admite para este medio que o traslado da causa ao Tribunal Supremo non é o aspecto relevante do caso, xa que ao seu entender “que sexa xulgado nun sitio ou noutro non ten demasiada importancia”. “O que cremos relevante é o feito de que persoas demócratas sexamos denunciadas pola familia do ditador Franco e acusadas de catro delitos que poderían supoñer ata 13 anos de prisión para cada un de nós por reclamar algo que é de xustiza: que aquilo que foi roubado ao pobo galego sexa devolto”, sostén o deputado nacionalista.
Nesa liña, lamenta que esta causa sexa propia do “mundo ao revés” e que debería ser a familia Franco “a que sentase nos tribunais e non aqueles que exercen un dereito fundamental como a liberdade de expresión e a liberdade de manifestación”. Rego recalca que en todo caso a acción foi “simbólica, pacífica e realizada nun día no que o Pazo de Meirás tiña que estar aberto ao público”.
Con todo, e a pesar das consecuencias penais que a protesta poida carrexar, o deputado do BNG sigue manténdose firme na súa reivindicación. “Con independencia de que sexa un despropósito (a causa), todas as persoas que participamos estamos moi orgullosas dunha acción que contribuíu de maneira decisiva a que a loita que durante moito tempo moitas persoas para a devolución do patrimonio roubado polos Franco alcanzase unha nova dimensión, movese cousas no ámbito político como consecuencia da repercusión mediatica que tivo, provocase unanimidade no Parlamento de Galicia, que se elaborasen senllos informes xurídicos pola cámara galega e pola Deputación da Coruña, e que hoxe o propio Goberno central teña presentada unha reclamación na demanda xudicial por medio de Patrimonio do Estado para recuperar o Pazo de Meirás”.
“Afrontaremos a causa con determinación e orgullo por unha acción que entendemos de xustiza e absolutamente necesaria para restituír a dignidade a todas as persoas represaliadas polo franquismo e especialmente aquelas que foron vítimas do atropelo para que o ditador se fixese ilexítimamente coa posesión do Pazo de Meirás”.
UNHA LOITA DE MOITOS ANOS
Néstor Rego chegou a Madrid cunha axenda na que a devolución do patrimonio expoliado pola familia Franco estaba marcado en vermello como un dos seus obxectivos prioritarios. O deputado nacionalista é unha das voces que máis presión exerceu estes anos para que o Estado tome parte desta batalla para que o Pazo de Meirás pase de novo a ser propiedade pública. Pero como Meirás, a Casa Cornide ou as estatuas de Isaac e Abraham son outros dos elementos de disputa entre as administracións públicas e a familia Franco desde hai anos.
En outubro do pasado ano, Galiciapress conversou con Néstor Rego con motivo das eleccións do 10 de novembro ás que se postulaba co obxectivo de facerse cun escano pola Coruña.
Nesa ocasión xa mostrou a súa decepción porque houbese “tres causas abertas polos Franco contra militantes do BNG: unha no caso do Pazo de Meirás, outra contra un compañeiro militante como é Carlos Babío que escribiu un libro onde se demostra, entre outras cousas, como se produciu esa apropiación; e outra contra nove persoas por unha acción na Casa Cornide”.
Protesta do BNG ante a Casa Cornide: Néstor Rego, Ana Pontón e Francisco Jorquera
No caso destes últimos ían ser xulgados o 5 de novembro nos xulgados da Coruña, pero a familia do ditador logrou aprazar o xuízo ao pedir penas máis altas para os acusados. Unha reclamación que o propio Rego tachou no seu momento de “despropósito”. “Imos manter con firmeza a recuperación de todo o patrimonio roubado polo ditador Franco e imos plantar cara”, resolveu.
Escribe o teu comentario