​Os alumnos de Medicina da USC demostran que o Campus Virtual non pode soportar un tráfico alto de estudantes


Os exames por vía telemática son inviables, polo menos para a universidade compostelá. Así o constataron os membros da Asemblea Aberta de Medicina (AAM), alumnos da facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Parte dos estudantes de medicina conectáronse á vez ao Campus Virtual e provocaron a caída do servizo.


|

Os exames por vía telemática son inviables, polo menos para a universidade compostelá. Así o constataron os membros da Asemblea Aberta de Medicina (AAM), alumnos da facultade de Medicina da Universidade de Santiago. Parte dos estudantes de medicina conectáronse á vez ao Campus Virtual e provocaron a caída do servizo.


“Non se trata de ningún tipo de ataque. Fixemos pola nosa conta a proba que nin eles mesmos fan”, comenta para Galiciapress unha representante da Asemblea. Como moitas outras facultades, en Medicina sumáronse ao hashtag #AsíNonUSC, que desde hai días protestan contra a falta de solucións ofrecidas desde a universidade compostelá e que propiciou a folga telemática dos alumnos.


Sentada de alumnos de Medicina de Santiago

Manifestación dos alumnos de Medicina o pasado novembro


Unha das grandes reivindicacións que os alumnos galegos levan manifestando desde fai máis dun mes está estreitamente ligada coa capacidade dos campus virtuais. Xa neste tempo de corentena os servizos informáticos das universidades galegas caéronse en varias ocasións. De feito, estas caídas tiveron lugar mesmo durante a celebración de exames telemáticos. Por isto, moitos estudantes fixeron públicas as súas dúbidas sobre a capacidade dos sistemas informáticos da USC para soportar unha afluencia masiva de estudantes.

.



Ante a falta de probas desde a institución universitaria, foron os propios colexiais os que examinaron a capacidade dos seus Campus Virtual. “Bastou con que entrase parte do alumnado de Medicina para que caese”, subliñan desde a plataforma. Incluso unha das portavoces da plataforma afirma que lle foi imposible entrar no campus porque, para cando o tentou, xa estaba caído o servizo.


A propia USC recomenda ao seu profesorado que no Campus Virtual “non se fagan probas a un número superior de 200 persoas simultaneamente”, xa que unha cantidade maior podería provocar o colapso do sistema. Con todo, algunhas materias de Medicina teñen máis de medio milleiro de matriculados, o que provocaría case con total seguridade a caída dos sistemas, segundo os membros da Asemblea.


WhatsApp Image 2020 04 28 at 12.05.58


A isto, hai que ter en conta que non se trataría só dos alumnos de Medicina, senón que á mesma hora poden darse decena de exames á vez de distintos graos, o que traería consigo unha sobrecarga case segura. Doutra banda, hai que ter en conta a cantidade de alumnos que non teñen unha boa conexión nos seus fogares ou que, directamente, non teñen internet nas casas nas que pasan a corentena. 


WhatsApp Image 2020 04 28 at 12.06.12

A proba provocou a caída do Campus Virtual / Foto: AAM


UN PROBLEMA PARA Os FUTUROS MÉDICOS, PROFESORES, ARQUITECTOS, ECONOMÍSTAS…

Con todo, como manifestan os propios alumnos de Medicina, isto non se trata de personalizar o problema nunha facultade concreta ou nun só curso, xa que son miles os alumnos que se atopan nunha situación parecida dentro e fóra de Galicia. Desde a Asemblea fixeron un chamamento a través das súas redes sociais para que estudantes doutros graos unísense á protesta.


Con todo, algúns alumnos da universidade compostelá critican á plataforma por non informar da iniciativa a representantes de todas as facultades, xa que a caída do Campus Virtual supón un contratempo para moitos alumnos que tiñan que entregar traballos ou realizar algún tipo de actividade.  


Esta protesta podería facer reflexionar á universidade santiaguesa sobre a súa propia capacidade para realizar exames online. Os alumnos de Medicina recalcan que, aínda que a USC aconsella optar pola avaliación continua, en todo o grao só hai dúas materias nas que non se realizarán exames para avaliar aos alumnos. En moitos outros graos da universidade a situación é idéntica, xa que non moitos profesores renuncian ás avaliacións finais ou as cambian por traballos.


O calendario de exames tamén é outro dos puntos que critican duramente os alumnos, xa que apenas deixan espazo entre proba e proba nin entre a primeira e a segunda convocatoria. Só en Medicina falamos de 30 exames finais en 20 días naturais na primeira convocatoria; 50 exames en 16 días naturais para a segunda. A USC conta actualmente con máis de 60 graos. Cunha media de catro cursos por grao (con alumnos de mañá e tarde) e con cinco materias por cuadrimestre en cada curso...as contas van ser difíciles neste fin de curso.




Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE