HM Hospitais di que non renovou contratos a "persoal que non está en 1º liña de loita contra o coronavirus"
HM Hospitais desmentiu que se produciron despedimentos no Hospital HM Rosaleda de Santiago de Compostela, senón que "non se renovaron contratos temporais con persoal que non está en primeira liña de batalla do Covid-19".
A principal operadora sanitaria privada de Galicia e unha das principais de España animou a algúns operarios ao "goce de vacacións" en plena crise. Agora ben, alega que non é persoal necesario agora mesmo para conter o Covid-19.
O HM La Rosaleda é o principal centro sanitario privado de Santiago
A través dun comunicado, a compañía reivindica que "todo o persoal está a traballar ao máximo" e que "se está contratando persoal extra para reforzar a xestión asistencial, como médicos, enfermeiros, auxiliares, limpadores...".
Concretamente, apuntan que nas dúas últimas semanas reforzaron o persoal en Madrid con 20 médicos, 85 enfermeiros e outros 60 auxiliares de enfermería, e esperan que este número "aumente substancialmente segundo cheguen máis candidatos".
Segundo publicou este martes 'eldiario.es', o grupo está a pedir a parte do seu persoal que se vaia de vacacións no medio da crise do coronavirus. HM Hospitais recoñece enviar unha carta convidando "de maneira voluntaria" a empregados que non están a participar na xestión do coronavirus a que se acollan a "diferentes opcións de reorganización laboral co fin de poder destinar máis recursos á xestión desta crise sanitaria".
A QUEN SE CONVIDOU A PILLAR VACACIÓNS?
"É dicir, a grupos de empregados que non poden participar na xestión sanitaria da mesma maneira e cuxo volume de traballo está a verse sensiblemente reducido ou é inexistente", insisten.
"HM Hospitais, como membro do Sistema Nacional de Saúde e como o resto de axentes da sanidade pública e privada, atópase traballando duramente para vencer ao Covid-19, poñendo todos os seus recursos, económicos, asistenciais e organizativos ao dispor da autoridade sanitaria competente tal e como se decretou no Estado de Emerxencia", conclúe este grupo hospitalario.
Escribe o teu comentario