A deputada do PP Ana Pastor supera o coronavirus despois de permanecer quince días illada
A vicepresidenta segunda do Congreso e deputada do PP, Ana Pastor, anunciou este luns que superou o coronavirus que se lle detectou fai quince días, cando se puxo en corentena tras dar positivo a proba do Covid 19.
"Quero compartir con todos vós unha boa noticia: fixéronme a PCR despois de 15 días e o resultado é negativo", escribiu Pastor nun comentario publicado na súa conta persoal de Twitter e recolleito por Europa Press.
Ademais, a ex presidenta do Congreso aproveitou para agradecer aos profesionais sanitarios o seu "gran esforzo" e "dedicación" para tratar de vencer esta pandemia e trasladar a todos os cidadáns "unha mensaxe de esperanza".
O pasado 7 de marzo pola tarde, Pastor decidiu quedar na súa casa, por prevención, tras comezar a sentir algúns dos síntomas da enfermidade e tres días despois anunciaba na mesma rede social que dera positivo no test de coronavirus.
Ana Pastor convertíase así no primeiro caso de coronavirus nas filas do PP. No Congreso chegáronse a contabilizar ata unha decena os deputados: aos cinco de Vox sumáronselle tres deputadas do PP -entre elas Pastor--, e dous en Unidas Podemos: a ministra de Igualdade, Irene Montero, e o seu compañeiro de Galicia en Común e candidato á Xunta, Antón Gómez Reino.
Escribe o teu comentario