A Mesa insta a Feijóo a informar á poboación da situación do coronavirus en galego
A plataforma A Mesa pola Normalización Lingüística lembra ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, que o uso da lingua do país é “un dos seus deberes” e que, ante todo, “débese aos galegos e as galegas”.
A plataforma A Mesa pola Normalización Lingüística lembra ao presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, que o uso da lingua do país é “un dos seus deberes” e que, ante todo, “débese aos galegos e as galegas”.
A plataforma chama a Feijóo para que informe en galego
Desde A Mesa piden ao presidente do Goberno galego que respecte o dereito dos galegos para recibir información na súa lingua durante esta crise sanitaria sen precedentes provocada polo coronavirus. A plataforma subliña que estas informacións institucionais, como a activación do estado de alarma, son dunha importancia “transcendental e crítica”.
"En momentos tan graves como os que estamos a vivir é necesario que a poboación galega reciba información clara e precisa na súa lingua", lembra Marcos Maceira, presidente da Mesa, que á súa vez subliña que este é “un dereito básico”.
De igual maneira, Maceira di non comprender “que o presidente da Xunta, o conselleiro de Sanidade e o xerente do SERGAS abandonen o uso da nosa lingua no exercicio das súas funcións, precisamente, neste momento transcendental para todas e todos nós".
“MÁXIMO REPRESENTANTE DE GALICIA”
A Mesa fai fincapé en que a lingua é un elemento “de cohesión social e de unidade do pobo galego” e que as administracións teñen a obrigación de respectar. Na mesma liña, lembran ao presidente da Xunta é “o máximo representante de Galicia” e que forma parte da súa responsabilidade como tal “dirixirse aos galegos e galegas na súa lingua”.
"Se o presidente da Xunta empregou o castelán na súa comparecencia para declarar o estado de emerxencia sanitaria de Galicia porque a quen se dirixía non era á cidadanía galega, senón a as persoas que aproveitaron a situación de emerxencia para pasar uns días de festa no noso país, lembrarémoslle que o seu deber é defender ou, polo menos, respectar os dereitos da cidadanía galega á que representa e que, para facelo, non pode deixar que a frivolidade dunha minoría irresponsable converta a nosa lingua nunha outra vítima de o COVID19", conclúen desde a Mesa.
Escribe o teu comentario