O Goberno achega a transferencia da AP-9: "As competencias da xestión pasarán a Galicia"
O vicepresidente segundo do Goberno e ministro de Dereitos Sociais e Axenda 2030, Pablo Iglesias, ratificou que a xestión da autoestrada AP-9 pasará a mans da Xunta, unha das peticións unánimes do Parlamentoy que constitúe un dos compromisos do presidente, Pedro Sánchez, adquiridos para a súa investidura.
Pablo Iglesias anunciou a medida, sen poñerlle data, nunha entrevista
"Téñoo clarísimo. Este goberno vai ter que dar as competencias da xestión desta autoestrada ao Goberno galego", afirmou Pablo Iglesias, nunha entrevista na TVG, recollida por Europa Press, con motivo da súa visita este venres e sábado a Galicia, onde participou nun acto institucional coa Raíña Letizia e arroupou ao candidato de Galicia en Común-Anova, Antón Gómez-Reino, á Presidencia da Xunta nun acto de partido.
Así, Pablo Iglesias defendeu que o Goberno que preside Pedro Sánchez en coalición coa formación violeta "está a demostrar que todos os territorios teñen a mesma importancia, independentemente das súas características". "Está comprometido en cumprir os prazos, sempre respectando as normas e a seguridade", remarcou.
"E no que respecta a a autoestrada, téñoo clarísimo. Este Goberno vai ter que dar as competencias da xestión da autoestrada ao Goberno galego", remachou.
PETICIÓN UNÁNIME DE GALICIA
A transferencia da AP-9 a Galicia foi unha petición unánime do Parlamento autonómico, pero sucesivamente foi bloqueado en Madrid no Congreso e posteriormente polo Goberno de Mariano Rajoy, aínda que o PP galego forma parte desta reclamación.
Coa chegada de Pedro Sánchez tras a moción de censura a Mariano Rajoy en 2018, o Congreso dos Deputados desatascou a tramitación da lei de iniciativa autonómica que pedía o traspaso da AP-9, aínda que non se chegou a materializar.
No inicio do novo mandato, Pedro Sánchez, ademais de asinar o acordo de coalición con Podemos, tivo que buscar apoios noutros partidos. Así, co BNG --que ten ao deputado Néstor Rego na Cámara Alta--, chegou a un acordo no que se incluía o traspaso da autoestrada neste ano 2020, ademais doutras reclamacións para Galicia.
Escribe o teu comentario