A Mesa leva ata o Parlamento galego a campaña 'Falar galego é saudábel'
En compañía do estudantado de Medicina, a plataforma A Mesa pola Normalización Lingüística presentou a Miguel Santalices a campaña para fomentar o uso do galego entre o persoal sanitario.
En compañía do estudantado de Medicina, a plataforma A Mesa pola Normalización Lingüística presentou a Miguel Santalices a campaña para fomentar o uso do galego entre o persoal sanitario.
Encontro entre Santalices e os impulsores da iniciativa
Co fin de reducir os erros de compresión e situacións como a ocorrida hai unhas semanas no Álvaro Cunqueiro, A Mesa pola Normalización Lingüística e os estudantes de Medicina -a través do seu Grupo de Normalización- presentaron esta mañá a Miguel Santalices, presidente do Parlamento de Galicia, a campaña 'Falar galego é saudábel', coa intención de fomentar o uso do galego entre o persoal sanitario e entre os usuarios do SERGAS.
No encontro estiveron presentes Marcos Maceira e Celia Armas, da Mesa, Francisco Pérez e Sarela Betanzos, do Grupo de Normlización Lingüística do estudantado de Medicina, e Henrique Villena, médico no Hospital Clínico Universitario de Santiago. O grupo trasladou a Santalices da iniciativa ademais dunha fotografía inédita de a promoción de Medicina do curso 1909, da que formou parte Castelao, que puxeron como exemplo de compromiso coa lingua e a saúde.
"Esta campaña vai ser unha maneira de demostrar pola vía dos feitos que lingua e a saúde pública son dous elementos de cohesión social", declarou o presidente da Mesa, Marcos Maceira. "Queremos enfrontar esta realidade directamente desde a lingua das usuarias e a vontade maioritaria favorable ao galego das e dos profesionais da saúde", sentenciaron desde a plataforma.
"O que é bo para os enfermos é bo para o persoal sanitario", recalcou Sarela Betanzos, á vez que desde os estudantes aspiran a "normalizar o uso do galego tanto nas aulas como nas consultas". Isto é provocado en gran medida polos datos do último estudo do IGE, que revelan que o 41% das persoas que falan só en galego ou máis galego que castelán cambian ao castelán á hora de dirixirse ao profesional médico que os atende. Por iso, a iniciativa pretende cambiar esta tendencia, empezando por que os profesionais sexan os primeiros en dar o paso.
Escribe o teu comentario