Os rumores dun adianto electoral en Galicia dispáranse ao convocar o lehendakari para o 5 de abril

O País Vasco organizará eleccións autonómicas o próximo 5 de abril. O lehendakari confirmará a data, aínda oficiosa, nunha comparecencia oficial convocada esta mesma tarde, segundo informan varios medios de comunicación incluído RTVE. Todos os focos están postos agora en Feijóo, que nas tres últimas ocasións convocou para a mesma data que os vascos.


|

O País Vasco organizará eleccións autonómicas o próximo 5 de abril. O lehendakari confirmará a data, aínda oficiosa, nunha comparecencia oficial convocada esta mesma tarde, segundo informan varios medios de comunicación, como RTVE. Todos os focos están postos agora en Feijóo, que nas tres últimas ocasións convocou para a mesma data que os vascos.


Urkullufeijoo


Urkully e Feijóo nunha reunión institucional


Dado que nas tres pasadas ocasións Alberto Nuñez Feijóo fixo coincidir as eleccións galegas coas vascas, as especulacións dun adianto disparáronse nas últimas horas en Galicia.


FEIJÓO SEGUE CREANDO EXPECTACIÓN

Rumores que o propio presidente non confirmou, pero tampouco desmentido. Preguntado nun acto esta mañá, o líder do Partido Popular de Galicia tirou de ironía para dicir que "é bo" que todos os seus rivais digan que debe adiantar eleccións e que están listos para afrontalas.


Pola súa banda o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices (PP), avogou por "deixar que o presidente" da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "estea tranquilo" e subliñou que este "sempre toma as decisións acertadas". O xefe do Lexislativo galego pronunciouse deste xeito ao ser preguntado polos xornalistas nos corredores da Cámara galega sobre se un posible adianto electoral no País Vasco por parte de Íñigo Urkullu provocará que tamén se celebren antes as autonómicas en Galicia tendo en conta que ambas as comunidades concorreron xuntas ás urnas nas tres últimas ocasións.


Onte falou o vicesecretario de Participación do Partido Popular, Jaime de Olano.Preguntado sobre se Núñez Feijóo pretende adiantar as eleccións, previstas en principio para setembro, en vista de que o lehendakari, Iñigo Urkullu, podería convocalas de forma inminente, De Olano limítase a responder que "a facultade" é do propio presidente galego. "El decidirá cal é o mellor momento para os galegos para convocar esas eleccións que haberán de ser antes de outubro deste ano", insistiu. 


A pelota está pois no tellado de Feijóo e todo o mundo está pediente del. Adiantar as eleccións serviríalle para finiquitar dunha vez o debate dunha posible coalición cun Cidadáns Galicia moi tocado, dividido entre os oficialistas que queren sumarse ao PP e os que o rexeitan. 


Feijóo parece que conseguiu o respaldo de Xénova á súa postura, negarse a calquera acordo que non sexa os laranxas sómense ao PPdeG. De Olano dixo onte que vería "un erro monumental estratexicamente falando" que o PP de Galicia abandonase as súas siglas, que son "unha marca gañadora", para concorrer nunha marca conxunta con Cidadáns ás eleccións autonómicas previstas para este 2020.


Polo que poida pasar, na oposición están a mover as súas fichas. A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, insistiu hoxe en que, se hai adianto electoral en Galicia, os nacionalistas están preparados. "Temos proxecto, candidata e a decisión de saír a por todas". Respecto diso, hai que lembrar que a candidata do Bloque Ana Pontón non ten axenda pública desde que deu a luz hai unhas semanas.


A CONFLUENCIA DE ESQUERDAS ESTÁ AÍNDA MOI VERDE E SEN CANDIDATO

No bando dunha probable confluencia de esquerdas, Podemos Galicia abrirá o próximo 24 de febreiro o proceso de primarias para poñer en marcha o proceso de elección dun candidato ou candidata que será a persoa que se presente ás eleccións autonómicas deste ano. 


O proceso morado de primarias acabaría o 24 de marzo, moi xusto para as eleccións. Máis xusto aínda se temos en conta que Podemos debería negociar con outros posibles socios (mareas locais, Esquerda Unida, Anova) as listas conxuntas. Un dos socios moi probables nesa confluencia, Esquerda Unida, xa designou candidato, a deputada Eva Solla.


O feito de que esta parte da esquerda galega poida ter problemas para conformar as listas con tanta présa, é outro dos factores que xogaría a favor de que Feijóo adiante.



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE