As Pontes pide á Xunta que cubra xa a praza de pediatra no Centro de Saúde
Menores de tres anos condenados a desprazarse ata Ferrol e os nenos maiores atendidos por médicos que non son pediatras. Este é o panorama na vila se o SERGAS non toma medidas urxentes, denuncia o municipio.
O alcalde das Pontes Valentín González Formoso
No texto, o municipio expón "a situación actual na que se atopa" o centro de saúde local, "ante a falta" de pediatra e sen "que estea previsto que a baixa sexa cuberta pola Administración sanitaria". "Non se pode permitir esa falta de previsión, cando a baixa da facultativa é por maternidade e houbo tempo para prever a súa substitución", explican.
NENOS ATENDIDOS POR MÉDICOS DE FAMILIA
Esta circunstancia, apunta o consistorio, vai levar a que "case 1.100 nenos menores de 14 anos" sexan atendidos "por profesionais sanitarios sen experiencia nin formación pediátrica de ningún tipo", mentres que os menores de tres anos terán que "desprazarse a 40 quilómetros para ser atendidos no centro de saúde Fontenla Maristany, en Ferrol".
Desde o Concello das Pontes consideran esta situación "inadmisible" e reclaman ao Goberno galego que dote de "unha maior estabilidade aos profesionais dos servizos de pediatría", así como que desenvolva "un plan de contratacións que permita incorporar máis especialistas".
Escribe o teu comentario