Así venceron os "iluminados" veciños de Touro e O Pino á multinacional Atalaya Mining



Centos, miles de persoas levan anos loitando contra a mina de Touro, por fin derrotada. Galiciapress charla cunha da que máis alma puxo nesta porfía. Isabel García Vila, portavoz da Plataforma Mina de Touro - O Pino Non, confesa que sufriu moito a nivel persoal ante o abandono dos alcaldes locais, pero tamén se mostra orgullosa da xente "digna e xenerosa" coa que colaborou estes anos ata finalmente que, finalmente, tombaron á multinacional Atalaya Mining.


|

Centos, miles de persoas levan anos loitando contra a mina de Touro, por fin derrotada. Galiciapress charla cunha da que máis alma puxo nesta porfía. Isabel García Vila, portavoz da Plataforma Mina de Touro - O Pino Non, confesa que sufriu moito a nivel persoal ante o abandono dos alcaldes locais, pero tamén se mostra orgullosa da xente "digna e xenerosa" coa que colaborou estes anos ata finalmente que, finalmente,  tombaron á multinacional Atalaya Mining.



Veciños de Touro nunha protesta nun vu00eddeo de Lentes Diverxentes

Veciños de Touro nunha protesta nunha imaxe de Lentes Diverxentes


DAVID GAÑOU A GOLIATH

Un combate que aparentaba moi desigual. Dun lado, unha multinacional con enorme músculo financeiro; con boas conexións ao conseguir reabrir con éxito a  histórica mina de Río Tinto; que cotiza na bolsa de Londres; entre cuxos socios están varias das maiores empresas mineiras  do planeta, como Trafigura  e que tamén conta con socios locais -o grupo Explotacións Galegas -donos dos dereitos mineiros - que lle serviron para gañar o apoio de todos os alcaldes directamente afectados, que son do PP, partido que goberna a Administración que debe decidir, a Xunta.


Doutro lado, un pequeno movemento veciñal, silenciado a miúdo polos grandes medios de comunicación e hiperactivo nas redes, pero incapaz de lograr unanimidade entre os seus veciños (algúns traballan na actual mina e outros que aspiraban a iso) e tamén incapaz de cambiar o rumbo dos seus gobernos locais pese a que "PSOE, BNG e Marea Veciñal apoiaron sempre a nosa causa".



O APOIO SOCIAL FOI CLAVE

"A nivel persoal vivino por unha banda de unha maneira por unha banda triste porque non podía entender que non houbese nin un  alcalde  local que defendese aos seus veciños antes que a unha multinacional que pretendía instalar unha bomba de reloxería á porta das súas casas", confesa García. A activista sinala a continuación que "por outra banda vivino con alegría, porque coñecín a moitísima xente sa, moi digna e xenerosa".  A portavoz sinala que sen ese apoio social -ao final lograron o apoio de ducias de municipios, incluídos moitos gobernados polo PP- non terían opcións de gañar a batalla.


Batalla na que recibiron mesmo insultos por parte de Atalaya Mining. A multinacional contratou unha asesoría de comunicación para manexar a fronte mediática, asesoría que non foi suficiente para evitar que o CEO Alberto Lavandeira cualificara aos opositores de "iluminados" cando estes advertiron do perigo das balsas. Perigo que é, precisamente, un dos motivos que esgrime Medio Ambiente para negar o permiso.


García non se esquece dese ataque verbal. Sobre a recente nota de Atalaya, advertindo que levaba gastado máis de 7 millóns no intento de  reapertura, a activista non cre que sexa a antesala dun recurso na Xustiza, como o que interpuxo a mineira de Corcoesto, simplemente o cualifica de "perrencha". Admite que a multinacional investiu en cousas como "os informes pagos ás universidades", os sondaxes, campañas de publicidade nalgúns medios "para lavar a cara", o patrocinio das camisetas da SD Compostela ou as viaxes de Lavandeira.  Iso si, critica que "no que non gastaron un duro foi en restaurar a actual mina, o único que fixeron foi poñer unhas estacas e unha lona para que a balsa non vertiese". 


A VELLA MINA SEGUE CONTAMINANDO

Restauración dos terreos na que colabora Felipe Macías, un dos profesores universitarios galegos  que Atalaia sumou á causa do seu filial Cobre San Rafael.  García distingue entre o papel da USC, "o reitor díxonos que a Universidade nada tiña que ver coa mina", e o rol xogado por algúns docentes, como Macías,. "A restauración é unha tarefa particular que fai Felipe Macías e a súa familia con unha empresa de Touro, din que se está restaurando pero levan 30 anos e non se terminou, todo financiado con fondos públicos dos que non vemos ningún resultado; o único que fan é depositar lodos, dos que se valoriza unha pequena parte coa que experimenta, pero a restauración ambiental non existe", argumenta a portavoz. 


ACABOUSE O PERIGO DEFINITIVAMENTE?

Reclamar  que se inicie e complete a restauración da vella mina é unha das tarefas que Isabel márcase para o futuro. Iso e vixiar que os donos dos dereitos mineiros, os locais do grupo empresarial familiar Explotacións Galegas, non volven a reintentarlo.


"Este proxecto está finiquitado pero iso non quere dicir que poida aparecer outro", di García antes de lembrar que en 2011 lanzouse outra proposta de reapertura que tivo aínda menos percorrido que a tombada onte. 


Agora toca "vixiar para que haxa unha restauración completa". Respecto diso, opina que "as multas de Augas de Galicia deberían ser máis contundentes, se o fosen non chegásemos ata aquí". Desde a Plataforma reclaman á Xunta que garanta que as escorrentías da antiga mina non volven contaminar o Río Portapego. 


IMPACTO POLÍTICO 

Que lectura política fai a Plataforma do ditame da Xunta?  "Valoramos positivamente que se emita unha Declaración de Impacto Ambiental negativa, aínda que se debería emitir hai máis de dous anos" porque "o único que fixeron [desde Atalaia]  foi enviar máis literatura pero non corrixiron ningunha das afectacións que denunciamos desde o primeiro día". 


Terá a decisión repercusións electorais? "A política vai por unha banda e a sociedade vai por outro, as urnas falarán nas eleccións autonómicas" reflexiona, cauta, Isabel García. E é que a pesar do gran movemento social que impulsou a Plataforma Mina de Touro - O Pino Non, o certo é que os veciños de Touro e O Pino reelixiron hai un ano aos alcaldes que apoiaban a mina. 

relacionada A Xunta tomba o plan de Atalaya Mining para reabrir a mina de Touro por ser insostible para o medio ambiente
relacionada ​Semana crave para atopar a os culpables das verteduras contaminantes da mina de Touro

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE