Máis profesionais de enfermería por habitante, primeira loita do ano para Enfermeiras Eventuais en Loita
Enfermeiras Eventuais en Loita convoca unha nova concentración para o luns 13 de xaneiro, enmarcada no movemento '12 meses, 12 loitas', para reclamar un aumento no cociente de enfermeiros e enfermeiras por cada mil habitantes.
Enfermeiras Eventuais en Loita convoca unha nova concentración para o luns 13 de xaneiro, enmarcada no movemento '12 meses, 12 loitas', para reclamar un aumento no cociente de enfermeiros e enfermeiras por cada mil habitantes.
Protesta de Eventuais en Loita
Desde o colectivo de profesionais de enfermería Enfermeiras Eventuais en Loita anunciaron a convocatoria dunha nova manifestación para o vindeiro luns 13 de xaneiro ante os centros de saúde e hospitais de Galicia para chamar a atención sobre o preocupante cociente de enfermeiros e enfermeiras por habitante.
"EnGalicia o cociente está en 5,3 enfermeiros e enfermeiras por cada 1.000 habitantes, máis baixo que o de España, que se sitúa en 6,55" advirten desde o colectivo. Do mesmo xeito, sinala que a media europea está moi por encima da española e aínda máis lonxe da galega, con 8,8 profesionais de enfermería por cada milleiro de persoas.
"Porque non podemos permitir que este cociente siga sendo dos máis baixos do país, porque os enfermos galegos non son enfermos de segunda e merécense unha asistencia sanitaria de calidade, e os profesionais non somos quen de ofrecelos nestas condicións", sinalan desde Eventuais en Loita, que emprazan a cidadáns e profesionais a manifestarse o próximo 13 de xaneiro ás 12 horas, enmarcado no movemento '12 meses, 12 loitas'.
Escribe o teu comentario