Néstor Rego condiciona o si a Sánchez “só á axenda galega” e non ao que diga a Avogacía do Estado

O nacionalista, unha das moitas chaves que abrirán as portas de Moncloa a Pedro Sánchez, atende a Galiciapress para confirmar que o apoio do BNG só está condicionado a que os socialistas respondan de forma “positiva” á propostas que conforman a axenda galega. Ademais, Rego afirma que nas negociacións non entraron a debater uns hipotéticos orzamentos, xa que o acordo debe “limitarse á investidura”. “Non queremos establecer ningún acordo que se poida entender de lexislatura; non temos unhas expectativas moi altas sobre futuras actuacións dese goberno aspectos que para nós son determinantes, como política social, educación…”, declarou o deputado. 


|

O nacionalista, unha das moitas chaves que abrirán as portas da Moncloa a Pedro Sánchez, atende a Galiciapress para confirmar que o apoio do BNG só está condicionado a que os socialistas respondan de forma “positiva” ás propostas que conforman a axenda galega. 


Ademais, Rego afirma que nas negociacións non entraron a debater uns hipotéticos orzamentos, xa que o acordo debe “limitarse á investidura”. “Non queremos establecer ningún acordo que se poida entender de lexislatura; non temos unhas expectativas moi altas sobre futuras actuacións dese goberno en aspectos que para nós son determinantes, como política social, educación…”, declarou o deputado. 


Nestor rego bng

Néstor Rego atendeu en exclusiva a Galiciapress


A conversación entre Galiciapress e Néstor Rego (que será publicada integramente nos próximos días), virou ao redor das propostas que conteñen a axenda galega, o elemento co que os nacionalistas condicionan o seu apoio para investir ou non a Sánchez. Aínda que nestes días as presións para que o BNG se pronuncie a favor ou en contra foron constantes, desde a forza galega manteñen o seu voto no aire, xa que a súa posición depende dunha “resposta positiva por parte do PSOE a aquelas propostas que conforman esa axenda galega e que conforman elementos que son de preocupación social da inmensa maioría de galegos e galegas”.


Tamén dixemos que o que queriamos non eran boas palabras, senón concreción. É xustamente aí onde atopamos dificultades, na reticencia dos socialistas a esa concreción, a establecer medidas concretas para resolver eses problemas e prazos determinados para executar esas medidas”, argumentou Rego, deixando patente que os nacionalistas aínda non adoptaron unha postura definitiva para a investidura, que previsiblemente terá lugar unha vez acabadas as festas do Nadal.


NOVAS REUNIÓNS E VONTADE

Nese sentido, aínda que Rego confirmou que non se deron pasos definitivos, si hai previstas novas reunións –aínda que estas non están pechadas- nos próximos días nas que haxa “movementos” que abran “unha vía de solución a algún deses problemas” ademais de seguir profundando nas peticións dos nacionalistas. “Esperamos unha solución e que o Partido Socialista sexa capaz de mover ficha”, replicou, á vez que sostivo que non pretenden “bloquear a investidura” e que se manteñen “en disposición de falar”, xa que non entenden como unha solución a celebración dunhas novas eleccións.


“NON TEMOS UNHAS EXPECTATIVAS MOI ALTAS SOBRE FUTURAS ACTUACIÓNS DESE GOBERNO”

A pesar disto, desde o Bloque Nacionalista Gallego reducen as negociacións a unha negociación pola investidura e non queren pechar acordos de lexislatura, por iso non entraron a negociar os futuros Orzamentos Xerais do Estado que vaia a expor o Goberno de Pedro Sánchez. “Entendemos que o posible acordo ten que limitarse á investidura; non entramos a falar de orzamentos”, dixo Rego.


Xustamente porque non queremos establecer ningún acordo que se poida entender de lexislatura. Non temos unhas expectativas moi altas sobre futuras actuacións dese goberno, polo que tampouco nos queremos vincular a elas en aspectos que para nós son determinantes, como política social ou o que pode ocorrer coa reforma laboral, a reforma colectiva das pensións, a LOMCE, a Lei Mordaza…todas elas medidas sobre as que hai máis dous anos, cando o PSOE estaba na oposición, comprometeuse a derrogar, e neste tempo que leva no Goberno non fixo. Sempre dixemos que estamos a falar dun acordo para a investidura e no contexto no que esta se produce, e é que nos parece que non hai alternativa, porque evidentemente sería peor”.


Pola outra banda, non se pechou a falar de partidas orzamentarias no futuro para resolver os problemas de Galicia, pero é un aspecto que emprazou ao futuro cando se abra o debate dos orzamentos, pero que de momento o mapa de roteiro dos nacionalistas é ir “paso a paso”.


O APOIO DO BNG NON DEPENDE DE JUNQUERAS

Doutra banda, Rego afastou o voto dos nacionalistas ao que poida ditaminar a Avogacía Xeral do Estado sobre o fallo do Tribunal de Xustiza Europeo ao redor das consecuencias sobre a inmunidade de Oriol Junqueras como europarlamentario. Aínda que desde o BNG manifestaron que o líder de ERC debía "ser posto en liberdade de maneira inmediata e recuperar todos os dereitos que lle corresponden como eurodeputado", Rego condicionou a posición do BNG exclusivamente a “os intereses de Galicia”.


De todos os xeitos é evidente que hai elementos que teñen que ver co funcionamento do Estado e con criterios esenciais do respecto aos dereitos democráticos e as liberdades públicas que son importantes”, sostivo o parlamentario nacionalista pola Coruña, remitindo aos socialistas para poñer fin a un “proceso preocupante” de ir “marcha atrás no que ten que ver con dereitos e liberdades”.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE