"Trato de favor" ao editor de informativos de fin de semana da Radio Galega que acosou a unha redactora, denuncia CIG
O sindicato denuncia que o editor de informativos de fin de semana tratou "con desprezo" a unha traballadora, á que provocou "unha crise de ansiedade" que a forzou a coller a baixa.
O sindicato denuncia que o editor de informativos de fin de semana tratou "con desprezo" a unha traballadora, á que provocou "unha crise de ansiedade" que a forzou a coller a baixa.
Redacción da TVG
"Posto e horarios á carta". Estes son algúns elementos que a CIG denuncia sobre o suposto "trato de favor" que a CRTVG dispensa ao editor de informativos de fin de semana da Radio Galega. Un cargo (o de editor de informativos) ao que, segundo advirte a CIG, accedeu o denunciado "tras as denuncias dunha traballadora que se viu sometida á constantes desconsideracións e faltas de respecto por parte deste cargo".
HORARIOS Á CARTA E DENUNCIA
"No mes de setembro este cargo incorporouse, primeiro, como novo coordinador de informativos da fin de semana da Radio Galega e comunicou ao persoal que coordinaba que sairía de maneira habitual á primeira hora da tarde, porque, segundo xustificou, algún venres tería que facer entrevistas", informa a CIG no seu comunicado. Este feito irregular foi denunciado por unha redactora ante o Comité de Empresa da CRTVG.
"A partir da denuncia, o trato do coordinador cara a traballadora cambiou, pasando a mantela durante horas sen traballo e esperando ao final da xornada para asignarlle varias noticias", critica a CIG, que tamén advirte que se volveron habituais as "malas contestacións" e "faltas de respecto" á afectada.
CRISE DE ANSIEDADE
"Estes malos modos culminaron no ocorrido o pasado domingo 20 de outubro, cando a redactora seleccionou dous cortes dunha declaración para que o coordinador escollese a que quería incluír no informativo, sendo a resposta de leste, despois de varios intentos e no último momento, 'mete a que che salga dos ovos', a berros e pechándolle a porta do estudo nos narices", informa o sindicato. Este episodio foi o que desencadeou a crise de ansiedade denunciada "pola que tivo que ser atendida en urxencias" e que provocou a baixa na que aínda permanece.
A pesar das reiteradas denuncias da CIG, estas foron "negadas" pola CRTVG, que non consideraron que se debía abrir un procedemento sancionador contra o denunciado. "Do mesmo xeito que a empresa fixo con outros traballadores que, supostamente, 'manifestaron desconsideracións ou faltas de respecto' contra os seus xefes -dúas sancións en menos dun mes-. Neste caso, a empresa negouse a recoñecer a existencia dese mal trato á traballadora e rexeitou abrir o procedemento reclamado polo CIG", sentencia o sindicato, antes de concluír que a pesar de non abrir o expediente o coordinador abandonou o seu posto "pero segue na fin de semana da Radio Galega desempeñando o posto de nova creación de editor co mesmo horario á carta".
Escribe o teu comentario