Endesa tramita un novo parque eólico a "pouco máis" de 500 metros do Camiño de Santiago, segundo os veciños
A solicitude dun novo parque eólico na comarca de Ordes é un exemplo do conflito de intereses que se vive en ducias de lugares en Galicia. Ante o novo 'boom' eólico, as compañías enerxéticas están a solicitar novas localizacións, e mesmo resucitando outras descartadas, o que suscita rexeitamento en polo menos unha parte da veciñanza e grupos ecoloxistas.
A solicitude dun novo parque eólico na comarca de Ordes é un exemplo do conflito de intereses que se vive en ducias de lugares en Galicia. Ante o 'boom' eólico, as compañías enerxéticas están a solicitar novas localizacións, e mesmo resucitando outras descartadas, o que suscita rexeitamento en polo menos unha parte da veciñanza e grupos ecoloxistas.
O colectivo ‘Salvemos a Comarca de Ordes. Aire, auga e terra limpas’ denuncia que Enel Green Power planea muíños "en leiras que están no propio Camiño de Santiago (inglés) e que, ademais, hai eólicos que invaden terras da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas". Ademais, destaca que o novo proxecto, bautizado "Monte San Bartolomé" é un calco doutro proxecto retirado pola filial de Endesa, o Parque Eólico Ardemil, "ante as presións dos veciños e debido á proximidade ás casas".
ENDESA PROMETE TER EN CONTA CALQUERA POSIBLE INCIDENCIA SOBRE O ROTEIRO
Galiciapress contactou con Endesa para dar o seu punto de vista. Sobre o Camiño de Santiago a compañía italiana insiste en que por agora o proxecto acaba de empezar a súa etapa burocrática, "naque se analizarán os impactos de todo tipo, de modo que a Administración, que controla desde moitos puntos de vista o proxecto, pode ditar as modificacións que correspondan, de modo que, se houbese algunha incidencia sobre o Camiño Inglés, seguro que sería tida en conta". O colectivo crítico asegura que o albergue de peregrinos de Hospital de Bruma está a "pouco máis" de medio quilómetro dos veciños.
Mapa do proxecto de parque Monte San Bartolomé en Ordes extraído de a web cartográfica da Xunta, a localización dos novos muíños son os asteriscos en cor amarela
A eléctrica responde as críticas referidas á suposta proximidade a vivendas. "As distancias dos muiños son as establecidas no Plan Sectorial de Galicia: teñen que superar os 500 metros do núcleo habitado máis próximo", argumentan.
Sobre o tamaño das máquinas, que a plataforma cualifica de "xigantes", Endesa razoa que "é maior para evitar o impacto visual" pois "un parque eólico de finais dos 90 tiña 60 muíños para xerar 20 megawatios, cando hoxe chega con 10 muíños, o que reduce substancialmente o seu impacto visual". "Os proxectos de enerxía sustentable son sustentables non só por empregar enerxía limpa; teñen que ser tamén respectuosos coa contorna social e natural, abórdanse con todas as garantías", conclúe.
Non o ve así "Salvemos a Comarca de Ordes", que argumenta que "este tipo de proxectos son incompatibles con intereses socio-económicos da maioría e co respecto ao medio e ao patrimonio". Lvos ambientalistas lembran que na Comarca de Ordes xa hai 6 parques en trámite (parque eólico Monte San Bartolomé, Solpor, Monte Inxerio, Meirama, Encrobas e Legre) pese que "a comarca debe ser retirada do Plan Sectorial Eólico de Galicia, tal e como referendaron no seu día os alcaldes da Mancomunidade".
O primeiro episodio dunha previsible nova e longa mobilización veciñal contra os eólicos será este domingo. A citada plataforma convoca unha reunión informativa no recinto feiral de Mesón do Vento ao mediodía.
ENDESA QUERE DEIXAR O CARBÓN E APOSTAR POLAS RENOVABLES
A filial de Enel acaba de presentar un plan de investimento en renovables, que prevé investir 3.000 millóns en tres anos, sobre todo en eólica e solar. A compañía promove varios novos parques eólicos en Galicia mentres, ao mesmo tempo, avanza no peche da central térmica de Endesa As Pontes, en principio en 2022.
O novo parque afecta principalmente ás aldeas de Axáns, ou Seixo, A Barcula e Hospital de Bruma (onde hai un albergue do Camiño Inglés); tocando os concellos de Ordes, Mesía e Carral.
Albergue de peregrinos en Hospital de Bruma nunha foto de Alejandra Vázquez
Escribe o teu comentario