A Xustiza recoñece o dereito dun traballador de Citroën PSA Vigo a quenda fixa para coidar ao seu fillo
O xulgado lembra que os traballadores non están obrigados a demostrarlle á empresa que non hai outro familiar que poida coidar ao menor
Traballadores de PSA Citroën nunha pasada folga
Segundo recolle a sentenza, contra a que cabe recurso ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), o empregado, cuxo fillo naceu en decembro de 2018 e cuxa parella traballa como autónoma, desempeñaba o seu labor nunha quenda de 6,00 a 14,00 horas desde novembro de 2018 e dispoñía dunha redución por motivos de lactación. Ademais, desde novembro de 2019, volvera a rotar as quendas de mañá e tarde.
AÍNDA CABE RECURSO
Aínda que o empregado solicitara o mantemento da quenda matutina, a empresa denegou a petición ao argumentar que se lle asignou durante un período determinado debido ás necesidades da produción. Así, PSA defendeu que non se poden "xestionar quendas á carta" nun sistema de produción continua dado que iso conlevaría que "o tempo que (o traballador) non prestase servizos debería ser asumido por outro".Así mesmo, a empresa ofreceu distintas alternativas de redución de xornada e a posibilidade dunha rotación de quendas de mañá e tarde que o traballador rexeitou.
RAZOAMENTO DO XUÍZ
Ante esta situación, o xuíz considerou que "as causas organizativas ou produtivas (que a empresa argumenta para non conceder a quenda de mañá fixo) non tiveron unha demostración clara de prexuízo real". Así, lembrou que unha sentenza de maio de 2019 sinalaba que unha muller nunha situación similiar non debía acreditar que a súa parella ou outros familiares non podían facerse cargo do seu fillo.Por tanto, o maxistrado estimou a demanda do empregado de PSA ao considerar que debe prevalecer o seu dereito á conciliación dado que a empresa non acreditou unha "imposibilidade real" de adaptar o seu horario. Con todo, o xuíz considerou que non se produciron danos nin prexuízos a parte actriz, polo que desestimou a súa petición dunha indemnización de 3.000 euros.
Escribe o teu comentario