A oposición ponse ao lado das universidades públicas fronte á privada de ABANCA
PSdeG e En Marea cargan contra a Xunta por favorecer a entrada do sistema privado en Galicia mentres as tres universidades públicas galegas maniféstanse en contra o anteproxecto de ABANCA.
PSdeG e En Marea cargan contra a Xunta por favorecer a entrada do sistema privado en Galicia mentres as tres universidades públicas galegas maniféstanse en contra do anteproxecto de ABANCA.
Facultade de medicina da USC
As tres universidades galegas veñen de posicionarse en contra do anteproxecto para o recoñecemento da universidade privada durante o Consello Galego de Universidades, a pesar de que as tres manifestan que a LOU permite a irrupción da privada. As universidades de Compostela, A Coruña e Vigo temen que a oferta da universidade privada non sexa complementaria e que acaben solapando os graos que oferta o sistema público. Nese sentido recibiron o respaldo do PSdeG e En Marea, que reclamaron á Xunta que garanta a sustentabilidade do sistema público no que cada vez hai menos alumnos antes de lanzarse a abrirlle a porta á universidade privada.
SOCIALISTAS
Desde o PSdeG manifestaron o seu apoio ás universidades públicas que alertan do "risco" que supón a entrada das institucións privadas no sistema universitario galego. Así o fixo saber o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, que pediu á Xunta que escoite as reclamacións da USC, UDC e a UVigo.
"Non cremos que podamos xerar títulos universitarios sen ter toda a solvencia e toda a garantía do que ten que ser unha universidade acorde ao noso sistema universitario e tamén á realidade das institucións do noso país", manifestou Caballero, que aproveitou para recalcar a advertencia das entidades públicas onde poñen de manifesto a súa reticencia para apostar por modelos universitarios "que non teñan todas as garantías de calidade", que non "cumpran todos os requisitos" e "de forma transparente"
EN MAREA
Pola súa banda, Luís Villares foi máis contundente na súa argumentación contra a universidade privada. Para o líder de En Marea é "inaceptable en termos educativos e investigadores" a creación da universidade privada de ABANCA ao entender que existen "incumprimentos de carácter formal" na documentación presentada ante o Consello Galego de Universidades.
O portavoz do grupo mixto sinalou a Feijóo e o seu executivo como os culpables de "constrinxir" o sistema público universitario nunha loita por privatizalo todo. "Hai unha estretegia clara por privatizar o sitema univestario público galego. Non queremos que os bancos vampiricen o sistema universitario nin que os políticos incendien a universidade pública", argumentou Villares, que tamén puxo en dúbida a lexitimidade de ABANCA.
Nesa mesma liña pediu ao goberno autonómico que rectifique nunha medida que supón unha "competencia desleal" contra os entes públicos e recalcou de novo a falta de documentación para autorizar a creación da privada. "Opoñémonos tajantemente á aprobación de calquera universidade privada porque non fai falta. O sistema público responde as necesidades de educación e investigación do país, non fai falta que veña a privada a competir coa pública", afirmou Villares, antes de concluír que a Xunta "se sitúa ao lado dos que van esnaquizar a universidade pública galega".
Escribe o teu comentario