Desmantelan un narcopiso no Grove e incautan 300 dose de distintas drogas
Axentes da Garda Civil do posto de Sanxenxo (Pontevedra) detiveron a dous veciños da comarca do Salnés (un veciño de Cambados de 36 anos de idade e outro do Grove, de 32 anos) como presuntos autores dun delito de tráfico de drogas, e incautáronse dunhas 300 doses de heroína, cocaína e haxix nun piso do Grove.
Segundo informaron fontes do Instituto Armado, as investigacións desta operación, bautizada co nome de 'Hortarrío', iniciáronse o pasado mes de maio, ao terse coñecemento da existencia dun domicilio, no centro do Grove, desde o que se podería estar a vender droga 'polo miúdo'.
A Garda Civil despregou un dispositivo de vixilancia e puido interceptar a varios consumidores de droga, que adquiriran substancias estupefacientes nese piso. O operativo culminou coa detención dos dous moradores da vivenda.
Así mesmo, levou a cabo un rexistro no domicilio, con apoio do can detector de drogas do Servizo Cinológico, e atopáronse 300 dose de cocaína, heroína e haxix; básculas de precisión, útiles para a embalaxe, unha pistola de fogueo e diñeiro en efectivo; ademais doutros efectos procedentes, presumiblemente, da comisión de roubos.
Está previsto que os dous detidos, ambos con amplos antecedentes policiais, pasen este mércores ao dispor do xulgado de instrución de garda de Cambados (Pontevedra). A operación continúa aberta e a Garda Civil non descarta novos arrestos.
Escribe o teu comentario