​Bescansa (Máis País): "Se non chega a formarse Máis País, moita xente estaría tentada a non votar para castigar a PSOE e Podemos"

Galiciapress entrevista a Carolina Bescansa (1971), candidata de máis País pola Coruña. Unha das fundadoras de Podemos regresa á area electoral ante o fracaso nas negociacións para formar goberno, un exemplo de “irresponsabilidade e tacticismo” por parte duns e outros. Agora, nas filas do partido de Íñigo Errejón e Manuel Carmena, que presenta listas na Coruña e Pontevedra, Bescansa aspira a regresar ao Congreso e ser un nexo que asegure un executivo progresista. As diferenzas programáticas entre Podemos e Máis País,  o seu futuro máis aló do #10N e o delicado momento da economía galega son algúns dos temas desta entrevista electoral, a sétima en Galiciapress, por onde pasaron xa candidatos de PPPSOEEn Común Unidas PodemosCidadánsBNGVOX

|


Galiciapress entrevista a Carolina Bescansa (1971), candidata de máis País pola Coruña. Unha das fundadoras de Podemos regresa á area electoral ante o fracaso nas negociacións para formar goberno, un exemplo de “irresponsabilidade e tacticismo” por parte duns e outros. Agora, nas filas do partido de Íñigo Errejón e Manuel Carmena, que presenta listas na Coruña e Pontevedra, Bescansa aspira a regresar ao Congreso e ser un nexo que asegure un executivo progresista. As diferenzas programáticas entre Podemos e Máis País,  o seu futuro máis aló do #10N e o delicado momento da economía galega son algúns dos temas desta entrevista electoral, a sétima en Galiciapress, por onde pasaron xa candidatos de PPPSOEEn Común Unidas PodemosCidadánsBNGVOX.


WhatsApp Image 2019 11 06 at 14.40.15Carolina Bescansa en Galiciapress este mércores


Parte da cidadanía considera que estamos ante unhas novas eleccións porque non existiu entendemento entre PSOE e Unidas Podemos para formar goberno.Que cre que faltou para que España non teña un goberno progresista? E como unha das fundadoras de Podemos, cre que a forza liderada por Pablo Iglesias debeu aceptar a última proposta dos socialistas en xuño?

Faltou responsabilidade e amor ao país. Faltou unha comprensión profunda da urxencia dos problemas que as grandes maiorías sociais teñen encima. Cada día que pasa e que non temos un goberno que desenvolva políticas públicas para poñerlle solución á situación das Pontes, ou aos problemas da xente do mar, para tratar de controlar todas as ameazas que teñen as nosas rías de contaminación e verteduras de augas que non están depuradas...


Cada día que pasa e que non facemos intervencións para garantir que as pensións crezan ao ritmo do IPC é un día perdido contra centos de miles de persoas no país. Insisto: faltou responsabilidade e amor ao país.


O luns tivo lugar o único debate da campaña electoral entre os candidatos á presidencia. Que impresións deixoulle e que lle parece que en 2019 aínda non haxa unha muller candidata á presidencia?

Sentín moi triste despois de ver o debate. Moi triste porque me pareceu que ningún respondeu á única pregunta que hai que responder a esta campaña, que é: que se vai a facer despois do 10 de novembro se a distribución das forzas acaba sendo a mesma que foi tras o 28 de abril? Creo que o que responderon é que van facer exactamente o mesmo.


Por iso puxemos en pé Máis País e por iso estou convencida de que imos ter un resultado robusto, porque a xente necesita un goberno e a única diferenza nestas eleccións en relación ás anteriores é a existencia de máis País e que por tanto existe unha alternativa que vai obrigar a uns a ser socialistas e aos outros a ser responsables.


ENQUISAS E A ULTRADEREITA

O pasado 6 de outubro, o instituto Sondaxe daba dous escanos a Máis País en Galicia e prognosticaba a recuperación do PP, a saída de Cidadáns e o regreso do BNG ao Congreso. Con todo, un mes despois, os prognósticos ao redor dos resultados de máis País na comunidade parecen haberse desinflado. Que sensacións transmítenlle as enquisas? Teme un crecemento tan pronunciado da ultradereita como auguran as sondaxes?

Penso que todas as enquisas, e isto é un elemento común a todas elas, veñen dicir que hai unha enorme volatilidade nestas eleccións. Volatilidade que ten dúas direccións: transvasamentos dentro do mesmo bloque e, a máis importante e perigosa, transvasamentos entre os bloques e a abstención.


Máis País nace precisamente para facerlle fronte ao previsible transvasamento entre xente que votou aos partidos do cambio e que agora di que está moi indignada e non quere volver votar. Máis País é a proposta que puxemos en pé para tratar de evitar que a xente quede en casa só para castigar a PSOE e Unidas Podemos.

Máis País é a proposta para tratar de evitar que a xente quede en casa e non votar

O que as enquisas están a anticipar en termos de escanos é moi complicado. Primeiro porque a taxa de participación é moi difícil de calcular nunha enquisa electoral e segundo porque a porcentaxe que decide o voto en campaña, estamos a falar de valores en torno ao 35/45% , e na última semana entre o 20/30%, mentres que entre un 10 e un 15% das persoas chega aos colexios electorais sen ter decidido o seu voto. Por conseguinte, a pesar de ser unha ferramenta moi útil para o coñecemento da realidade social, penso que estamos a esixir ás enquisas un nivel de precisión en canto a estimación electoral que non están preparadas para dar.


E sobre o crecemento da ultradereita?

Confío en que sexa menos do que é. A miña maior preocupación en relación á ultradereita é máis cualitativa que cuantitativa. As cousas que sentimos no debate polo seu portavoz, Santiago Abascal, foron unha modificación cualitativa do discurso de VOX en relación ao discurso de VOX no último ano. É unha modificación cualitativa que aliña a VOX coas forzas da extrema dereita europea, xenófoba, racista e con tinguiduras nítidamente fascistas.


E percibe un certo blanqueamento desa imaxe para partir do debate?

O que vin é que quen estaba chamados a rebater con datos e con información as afirmacións falsas de Abascal desestimaron facerlle dunha forma inexplicable.


Máis País naceu como a partir dunha plataforma como Máis Madrid ideada para revalidar a alcaldía de Manuela Carmena en Madrid e aspirar a formar parte do goberno da Comunidad de Madrid. Con todo, ningunha das dúas cousas déronse e agora tanto o goberno municipal como o autonómico está en mans da dereita. Á vista destes resultados, ten suficiente forza Máis País como para dar o salto nacional?

Do que estou segura é que as persoas comprometidas co cambio político en España somos maioría e que esa maioría social xa se converteu en maioría electoral o 28 de abril. E que precisamente a repetición electoral é unha ameaza para que se poida volver repetir esa maioría, precisamente para loitar contra esa ameaza nace Máis País. Porque tivemos e temos a convicción de que se non chega a formarse esta alternativa moita xente estaría tentada de quedar na abstención por enfado co PSdeG-PSOE e con En Común Unidas Podemos. Precisamente para facer fronte a esa abstención é polo que nacemos. Se penso que podemos alcanzalo? Por suposto que si.


OBXECTIVOS DE PRESENTE E DE FUTURO DE MÁIS PAÍS

Sen dúbida é certo que o elemento diferenciador con respecto ao pasado abril é Máis País. Que pode achegar este novo partido para que se termine formando un goberno progresista en España?Non pode resultar contraproducente esta nova fragmentación da esquerda en España?

En España non sobran partidos, pero si falta responsabilidade. Precisamente polo feito de que haxa un partido máis creo que temos máis posibilidades de alcanzar esa maioría social do cambio que estaba en risco despois do proceso de negociación.


As comparacións son odiosas pero, neste caso, inevitables. A nivel programático, en que se diferencia Máis País de Podemos?

A responsabilidade. Esa é a gran diferenza porque, lamentablemente, estas eleccións non van de programa. De feito houbo un acordo, o acordo programático máis importante que pode haber nun país, que son os Orzamentos Xerais do Estado. Cando se chega a un acordo polos Orzamentos quere dicir que hai un acordo programático. E despois de alcanzar un acordo como ese non se consiga un acordo para formar goberno é porque alguén está a poñer outros intereses diferentes dos que lle corresponde xestionar en política por diante dos intereses da xente. Iso quere dicir que alguén está a operar con criterios que non teñen que ver coas maiorías senón coa súa propia posición nunha negociación para formar goberno.

Alguén está a operar con criterios que non teñen que ver coas maiorías senón coa súa propia posición nunha negociación para formar goberno

Por iso é que nace Máis País e por iso estás eleccións non son de programa, senón eleccións de responsabilidade e de capacidade de dialogo. Máis País é a única garantía de que se van a poder tender pontes entre PSOE e Unidas Podemos e que esa ponte vai garantir que uns se teñan que comportar como socialistas e que os outros se teñan que comportar como políticos responsables.


Fai menos dun ano vostede pugnaba por liderar a formación violeta en Galicia e agora forma parte das listas de ‘Máis País’ cando parecía que abandonara a primeira liña. Que a motivou a regresar?

Eu abandonei a política. Abandoneina e de feito xa estou incorporada ao meu posto de traballo. É a sensación de frustración, que creo que comparto con moitísima xente no meu país, de ver que tendo unha maioría electoral nas urnas non se conforma unha maioría de goberno. E ese sentido de responsabilidade das persoas que despois de tantos anos loitando en rúas e prazas, despois de máis de oito anos facendo traballo político en todos os niveis, pensabamos que podía alcanzar, talvez non o goberno que nós queriamos pero si o mellor goberno posible.


Cabez de lista de máis País pola Coruña, Carolina Bescansa

Carolina Bescansa volveu á política dentro da forza liderada por Iñigo Errejón


Pola irresponsabilidade duns e o tacticismo doutros imos poñer todo iso en risco, o que supón tamén un risco para a sustentabilidade ambiental do noso país, para a transición enerxética e do modelo produtivo, para a ameaza evidente de desindustrialización que está encima de Galicia e de moitos outros sitios, para a continuidade da precariedade como lóxica da organización do mercado de traballo… Para todas as cousas nas que agora poderiamos estar a lexislar e sacando adiante políticas de Estado que non se están poñendo encima da mesa.


Pase o que pase o domingo: haberá papeletas de máis País nas autonómicas galegas deste 2020? E nese caso, podería estar o nome de Carolina Bescansa nesas papeletas?

Agora mesmo só temos un obxectivo: conformar un goberno que estea obrigado a ser responsable e a ser socialista en España. E ese non é un obxectivo menor para Galicia; é un obxectivo prioritario para Galicia. Ter un Goberno de España aliado cos galegos e galegas é imprescindible para comezar unha política responsable na depuración das augas que conforman os ríos e rías, para iniciar unha transición nas Pontes, para conseguir a gratuidade da AP-9…É imprescindible esa formación de goberno. Seguir abordando a política estatal, ou galega ou municipal como unha ferramenta para outros niveis políticos e electorais forma parte do tacticismo político e diso España e Galicia xa están aburridas. Necesitamos menos tacticismo e máis responsabilidade.


Cales cre que son os principais deberes que ten por facer o próximo goberno que salga das urnas? Están eses deberes entre as 10 medidas urxentes que acaban de presentar?

Por suposto que están entre eses deberes estás dez medidas, basicamente pola urxencia que representan. As medidas urxentes que presentamos para Galicia son medidas que teñen que ver co traballo de centos de miles de persoas que leva máis de oito anos pelexando nas rúas por un cambio político.


Nosa primeira proposta é crear un Observatorio da Corrupción na sanidade, unha proposta evidente e de urxente necesidade porque boa parte dos procesos de privatización, xa sexan manifestos ou encubertos da sanidade pública, teñen que ver con procesos de corrupción, porque a precariedade na sanidade pública está a traer consigo unha peor calidade no servizo, temos que poñerlle fin ás gardas de 24 horas do persoal sanitario, porque existe unha precarización que ten que ver cunha externalización dos concertos privados do dereito á saúde e moitos outros elementos que teñen ao final prácticas corruptas ou clientelares como explicacion de cousas inexplicables.




O mesmo podemos dicir da urxencia da transición a modelos industriais de sustentabilidade. As propostas que se estaban poñendo encima da mesa por parte do comité de empresa das Pontes son un bo exemplo de como podemos tratar de transitar para abandonar máis pronto que tarde os combustibles fósiles, como é a nosa obrigación, e impulsar outro tipo de combustibles baseados en lodos urbanos ou residuos agrícolas que teñen capacidade de seguir xerando enerxía. Esas medidas son urxentes, imprescindibles para transformar o noso modelo produtivo, para transformar o noso mercado de traballo e para garantir a sustentabilidade ambiental. 


Galicia ten moitas ameazas de carácter ambiental que son ameazas para Galicia como país pero tamén o son para o mundo do mar, do marisqueo, da gandería ou para a produción de artigos de valor engadido. Porque o noso sector primario ten que vivir da nova produción de artigos de valor engadido e esa transición está ameazada pola contaminación.


CATALUÑA, INDUSTRIA, VIOLENCIA MACHISTA...

A nivel nacional, estes días o debate e a principal preocupación da cidadanía é a crise catalá, talvez un dos motivos que dinamitou a formación de goberno. Que valoración fai do desenvolvemento do xuízo e do fallo do Tribunal Supremo, así como do ambiente de tensión que se está vivindo estes días en Cataluña?

O que vivimos en Cataluña foi o fracaso da política. A judicialización dun problema político teñen provocado estragos na sociedade catalá e nas vidas políticas catalás e españolas. É urxente abrir de inmediato unha mesa de diálogo en Cataluña entre os representantes de todas as forzas políticas catalás por unha banda e por outro abrir unha mesa de diálogo entre os representantes da institucionalidad española e os representantes do goberno catalán.

O que vivimos en Cataluña foi o fracaso da política

Pero é primordial entender que en primeira instancia do que estamos a falar é dunha crise política en Cataluña que dividiu á sociedade catalá en dous partes e que é preciso que se empecen a curar as feridas que levan acumulando moitísimos anos.


Tamén a nivel nacional un dos temas candentes foi a exhumación dos restos do ditador Francisco Franco. En Galicia isto cobra especial relevancia porque hai varios litixios abertos contra a familia Franco, como son a devolución do Pazo de Meirás, a Casa Cornide ou as estatuas de Isaac e Abraham.Como valora a actuación do goberno central respecto diso? Cre que sacar a Franco do Valle de los Caídos pode beneficiar as causas abertas que ten Galicia cos Franco?

Sacar a Franco do Valle de los Caídos é un triunfo democrático de todas as asociacións memorialistas, das familias das persoas represaliadas e en definitiva da democracia do pobo español. Sacar a Franco supón un punto de inflexión na forma na que nós mesmos ímonos a contar, a nós e ás xeracións futuras, a nosa historia. E desde o punto de vista simbólico supón un dos feitos máis importantes de ruptura co silencio imposto por Franco durante tantísimas décadas tras a súa morte.


A Lei de Memoria Histórica é unha lei que se ten que cumprir e a familia Franco creo que entendeu despois da exhumación que se lles acabou a impunidade. E creo que para Galicia é imprescindible a recuperación do Pazo de Meirás por esta mesma forza simbólica que supón escribir un novo capítulo da nosa historia onde a sociedade e o pobo galego dille aos asasinos e os seus herdeiros que o que era do pobo ten que volver ser do pobo e que a nosa historia imos escribir nós para nós e os nosos fillos e fillas.


Nos últimos meses a cidadanía mira con preocupación a economía galega: primeiro foi Alcoa, onde vostede estivo moi implicado nas reivindicacións dos traballadores e que aínda ten unha loita pendente en Cervo, os postos de emprego de Navantia tamén se cambalearon, agora son Barreiras e As Pontes, mentres unha compañía como R vai deslocalizando os seus servizos paulatinamente…Estamos no peor momento da economía galega? Que se pode facer para salvar todos eses postos de emprego?

O primeiro que necesitamos é ter un Goberno de España e que sexa aliado coas maiorías, por tanto un goberno ao que podamos esixir por unha banda que sexa responsable e por outra que sexa socialista. O segundo que necesitamos é erradicar a corrupción, o clientelismo e o caciquismo como práctica habitual das institucións públicas en Galicia. O principal inimigo da industria galega e do sector primario é a corrupción e o caciquismo. Son os principais inimigos.


WhatsApp Image 2019 11 06 at 14.39.46

Bescansa durante a entrevista para Galiciapress


No caso da industria é fundamental unha intervención mediadora entre as partes que permita unha alianza cos centros de investigación que permita unha transición cara a economía circular. No caso das Pontes é clarísimo que iso é posible e nese caso o que temos é que facer que esa mesa de diálogo exista e que teñamos un goberno aliado e comprometido coa economía circular e coa posibilidade de transitar, sexa pola vía dos residuos urbanos ou pola vía do hidróxeno, cara outra fonte de xeración de enerxía.


Cada caso é diferente. Pero é evidente que existe unha ameaza e unha crise de intereses na industrialización e que esa ameaza só pódese combater con gobernos forte e con gobernos que non sexa corruptos, nin clientelares e que non estean ancorados nas prácticas do favor.


Aquí en Galicia centrou parte da súa campaña no compromiso para loitar contra a discriminación que sofre o colectivo LGTBIQ e a loita contra a violencia de xénero. No que vai de ano a violencia machista xa asasinou a máis mulleres que en todo 2018. Con todo as leis de violencia de xénero seguen xerando debate en campaña. Que se pode facer para erradicar esta secuela?

O primeiro é un Pacto de Estado profundo contra a violencia machista e unha dotación a través dos Orzamentos Xerais do Estado para ese pacto. Pouco importa que teñamos un pacto consensuado se despois non temos recursos para aplicar as políticas públicas que veñen con el. E un chamamento, por parte das institucións que son as que teñen que facer de guía e de dirección, á sociedade enteira para impulsar a modificación dos patróns culturais que acompañan ao machismo e ao patriarcado e que son a causa destes asasinatos. Non son a arma que o asasino ten na man, pero é a estrutura cultural que o asasino ten na cabeza. O Pacto de Estado ten que loitar de forma inmediato para que eses asasinos poidan esgrimir esas armas, pero o conxunto da sociedade e as institucións temos que loitar para que os asasinos non teñan esa ideoloxía e esa estrutura cultural machista e patriarcal na súa cabeza.  

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE