A primeira edición de MUSGO xa galopa a lombos de Camellos

O grupo madrileño cortou a cinta inaugural do festival ourensán cunha actuación tan íntima como memorable no Café & Pop Torgal. 


|

O grupo madrileño cortou a cinta inaugural do festival ourensán cunha actuación tan íntima como memorable no Café & Pop Torgal.


WhatsApp Image 2019 10 18 at 22.52.40Actuación de Camellos no Café & Pop Torgal de Ourense 


Chupinazo en Ourense para a ‘I Edición de MUSGO’, un festival de música e gastronomía composto na súa totalidade por un equipo de profesionais ourensáns, con Adrián Fragueiro e David Pedrouzo á cabeza, e baixo o paraugas do programa ‘Ou teu Xacobeo’, que impulsan de forma conxunta a Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense e SON Estrela Galicia. E para a festa de benvida e dar por inaugurado este pantano, a organización tróuxose da capital nacional a Camellos, un grupo que non deixa de crecer e que levaba xa un bo tempo sen pisar terras galegas.


PRIMEIRO CONCERTO

Camellos, que se presentou en Ourense con só tres integrantes pola baixa de ‘O americano’ como o definiron os compoñentes do grupo, ofreceron un concerto acústico nun ambiente recolleito como o que ofrece o Café & Pop Torgal. Un ambiente que, aínda que evidentemente non é no que se adoitan mover, non lles resultou do todo incómodo e mesmo lles permitiu experimentar á hora de tocar algúns temas que a priori non están feitos para escenarios como o da sala auriense. Como bos Camelos son capaces de adaptarse a calquera terreo que lles poñan por diante.


Porque Camellos non é un grupo calquera. É capaz de falar de todo e de nada nas súas cancións. Os seus temas tanto poden esconder unha reflexión profunda sobre o estresante ritmo de vida da sociedade actual que nos achega un pouquiño máis cada día ao inevitable caixón no que algún día acabaremos todos como poden estar dedicadas a bolseiras que se confundiron de profesión. Ou empregados de Correos que esperaban da vida algo máis que lamer selos. Ou dunhas vacacións en Marbella. Ou do incesto. Cousas.


Con todo, as súas letras que se moven entre unha ironía tan incómoda como divertida, sempre esconden algo de verdade socarrona, así como os seus ritmos conseguen que un mova os pés involuntariamente, aínda que a canción nese momento fale sobre cociñar arroz con cousas ou cousas con arroz e un sexa máis de queixo e bravas para rematar o menú cun bo café para moi cafeteiros.


Entre balada e balada houbo tempo para anécdotas persoais, para interactuar un pouco co público e para adiantar un par de temas do seu novo disco ‘Calle para siempre’, que verá a luz o próximo 20 de novembro –como non podía ser doutra forma, doutra banda– e que os alí presentes xa podemos anticipar que mantén o estilo e a extravagancia que sempre caracterizou á banda.


PISTOLETAZO DE SAÍDA

E mentres Camellos pasa a súa crise –iso pásalle a calquera– na Coruña (Bristol Bar, 22h), o ritmo non baixa en Ourense, porque aínda que este podería ser o prato forte de calquera festival, nesta ocasión os madrileños son o aperitivo dunha fin de semana que se presenta frenético na cidade termal. Este sábado algúns dos artistas máis reclamados da música indie, tanto nacionais como internacionais, achéganse a beiras do Miño para poñer en valor a capital ourensá e a Vía da Prata, dúas das finalidades que busca o evento. 


O cartel non pode ser máis ecléctico e atractivo para esta primeira edición, coa participación de tres bandas galegas: ‘Blanco Palamera’, ‘Ladrillo y Mujer’ e ‘Baiuca’; dúas portuguesas: ‘Lince’ e ‘Whales’; dous nacionais: ‘Yana Zafiro’ e ‘Mourn’; e unha británica: o dúo AK/DK.


Cartaz MUSG


Cabe destacar que os oito concertos programados non actuarán en calquera lugar, senón que desde MUSGOreservaron os mellores escenarios para o festival: a Praza Saco e Arce e os Xardíns Calpuria Abana. De modo que, aínda que o día non acompañe, que catro pingas non sexan motivo para que a xente non salga á rúa para gozar do festival. Ademais, todos sabemos que a auga sempre lle foi moi ben ao MUSGO.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE