Aviso a pais e nais de Lugo: non máis de 10 mintuos en dobre fila nos colexios
O Concello lanza unha medida que pretende facilitar a vida familiar e á vez loitar contra os que se aproveitan da súa condición de proxenitores para deixar o coche mal aparcado demasiado tempo
O Concello de Lugo acoutará a 10 minutos antes e despois da entrada e da saída das clases a "marxe de permisividade" para que os condutores poidan estacionar a dobre fila nas contornas dos centros educativos.
Segundo anunciou a alcaldesa, Lara Méndez, a Policía Local desenvolverá nas próximas semanas unha campaña informativa nas contornas escolares, advertindo de que, a partir de outubro, deixar os turismos un tempo prolongado fóra dos espazos habilitados ou sobre a beirarrúa levará aparellada unha sanción.
MEDIDA CONTRA OS APROVEITADOS
"Desde a Alcaldía somos moi conscientes das necesidades das familias, todos queremos acompañar aos nosos fillos á porta do colexio para ter a certeza de que chegaron ben, pero hai quen, despois disto, aproveita que hai máis coches en dobre fila para facer outras xestións, o que está a ocasionar un grave prexuízo non só para o resto da circulación, senón tamén para todo o conxunto da mobilidade local", explicou Lara Méndez.
O obxectivo, engadiu, é "atopar unha solución para a convivencia, garantindo a seguridade dos máis pequenos e sendo comprensivos" cos pais e co resto dos veciños "Por iso cremos que limitando no tempo estas paradas e, apelando á sensibilidade de todas e todos, imos ser capaces de concilialas co resto da circulación", apuntou.
Escribe o teu comentario