(VÍDEO) O Resu comeza a acender os ánimos para 2020
Con catorce edicións ao lombo, o Resurrection Fest é un dos festivais máis esperados para os amantes do heavy metal e o punk.
Con catorce edicións ao lombo, o Resurrection Fest é un dos festivais máis esperados para os amantes do heavy metal e o punk.
Mentres a maioría tenta superar a depresión postvacacional, desde Viveiro lanzan ánimos a media Europa para seguir adiante coa esperanza de que o verán de 2020 vai ser mellor que o anterior. E é que no Resurrection Fest xa puxeron en marcha os preparativos para que a seguinte edición do festival lucense sexa, un ano máis, un evento inesquecible. Para poñer as pilas aos futuros asistentes, desde a organización fixeron un recompilatorio co mellor da XIV Edición do Resu, semprecoa promesa de que a XV vai ser a mellor de todas.
O Resurrection Fest converteuse xa nunha cita ineludible para os metaleros de todos os puntos de Europa, congregando en Viveiro a miles de persoas desexosas de ver a algúns dos mellores grupos do panorama nacional e internacional, así como algúns dos grupos máis lendarios. Polo seu escenario pasaron Kiss, Scorpions, Iron Maiden ou Rammstein, así como Slayer ou Slipknot como grandes cabezas de cartel na edición deste ano. "Foi nosa mellor edición, cuns grupazos impresionantes e coas entradas esgotadas desde febreiro", comentan desde a sala de mandos do festival.
A pesar do éxito da edición deste ano, no festival xa empezaron a traballar na edición do próximo ano e xa buscan novas fórmulas para superarse como cada ano. Os días 1, 2, 3 e 4 de xullo de 2020 xa están marcados en vermello no calendario de moitos fans, que revivirán coa chegada do sétimo mes do ano. Porque a un festival como o Resu non se lle pode dar nunca por morto.
Escribe o teu comentario