Ignacio Vilar presenta a rodaxe da película María Solinha na Ría de Vigo

|

O director máis prolífico do cinema galego contemporáneo, autor de Pradolongo e A Esmorga entre outras, narrará a historia da moza de Cangas condenada por bruxa en tempos da Inquisición


As localidades de Redondela e Cangas, e a viguesa illa de Toralla serán os escenarios da rodaxe da película 'María Solinha', producida por Vía Láctea Filmes e dirixida polo cineasta Ignacio Vilar.


Ignacio Villar, coas actrices Graal Montes e Laura Míguez, e coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; o director da Agadic, Jacobo Sutil; e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, na presentación do inicio da rodaxe de María Solinha


O propio director, acompañado polo responsable da Agadic, Jacobo Sutil; a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas; e as actrices Graal Montes e Laura Míguez, presentou este martes o inicio da rodaxe do filme, que terá lugar entre o 19 de agosto e o 20 de setembro.

LENDA SOBRE A BRUXERÍA
Esta película, que conta con financiamento da Agadic e da Deputación de Pontevedra, relata a historia dun director de teatro que chega a Cangas para reconstruír a lenda de María Solinha, unha viúva rica do século XVII que foi acusada pola Inquisición de practicar a bruxería.

Jacobo Sutil lembrou que este filme é un dos traballos que lograron subvención na convocatoria de axudas da Agadic, dentro da modalidade de longametraxes de ficción, de autoría galega e que contribúan a resaltar a diverdsidad cinematográfica de Galicia.

ACTORES NOVOS E CONSAGRADOS
Así mesmo, puxo en valor a "oportunidade" que Ignacio Vilar ofrece en cada novo proxecto ás novas xeracións de intérpretes galegos, como o caso de Graal Montes e Laura Míguez, que encabezan un elenco no que tamén estarán Mabel Rivera, Antonio Durán 'Morris', Alfonso Agra ou Mela Casal, entre outros.

Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, apostou por converter a provincia nun "estudio de cinema", para impulsar a "creatividade" e o "talento" de Pontevedra e de Galicia.

Silva fixo tamén fincapé na figura de María Solinha, unha muller "perseguida e violentada" por unha sociedade patriarcal, do mesmo xeito que outras mulleres que, ao longo da historia, sufriron discriminación por "querer ser independentes, por ter riqueza que o patriarcado non asumía que estivese en mans femininas".

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




Non está permitido verter comentarios contrarios á lei. Nos reservamos o dereito a eliminar os comentarios que consideremos fora de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal Cookies Consello editorial Publicidade
Powered by Bigpress