Un choque frontal entre un coche e unha furgoneta deixa un ferido de gravidade en Sober
Dúas persoas resultaron feridas, unha delas de gravidade, despois dun choque frontal entre un coche e unha furgoneta que circulaban pola N-120 á altura de Sober (Lugo).
Segundo informa o 112, foron varios particulares os que, sobre as 15,30 horas da tarde, alertaron á central de emerxencias sobre este accidente indicando que parecía grave.
Seguidamente, o CIAE alertou ao 061-Urxencias Sanitarias, aos bombeiros de Monforte e aos axentes de tráfico. Ademais, os feitos foron postos en coñecemento de Protección Civil tanto de Sober como de Monforte.
Debido á gravidade do ocorrido, ata o lugar tamén se desprazou un helicóptero medicalizado con base en Ourense. Unha vez liberado o ferido grave por parte dos bombeiros, a aeronave trasladouno ata o Hospital Lucus Augusti de Lugo.
No coche viaxaban dúas persoas, unha delas a que resultou ferida grave, mentres que na furgoneta só viaxaba un home, que sufriu lesións leves.
FERIDO EN VERÍN
Por outra banda, unha persoa resultou ferida despois de que a furgoneta que manexaba chocase contra un camión cando circulaba pola A-52 na parroquia de Ábedes, en Verín (Ourense).
Como consecuencia do accidente, a furgoneta quedou encaixada na parte traseira dun camión. Aínda que non foi preciso contar con medios de excarceración, os bombeiros axudaron aos efectivos sanitarios a evacuar ao ferido a un centro hospitalario de referencia e colaboraron para desencaixar o vehículo, que posteriormente sería recolleito por un guindastre.
O 112 tivo constancia do accidente pasados 10 minutos das 12,30 horas do mediodía e grazas á chamada dun particular, que indicou que se trataba dun choque por alcance pero que non sabía se había feridos.
Con estes datos, o CIAE deu o aviso ao 061-Urxencias Sanitarias, aos bombeiros, aos axentes de Tráfico, á Policía Local e a Protección Civil de Verín.
Escribe o teu comentario