O SERGAS manda ao xerente de Vigo a Ourense e viceversa

O Servizo Galego de Saúde intercambia as xerencias das dúas áreas co fin de atender e solucionar as protestas que viñan dando nas dúas zonas, especialmente pola dimisións vividas na área viguesa, aínda que para SERGAS a xestión de Félix Rubial foi "unha exitosa etapa de catro anos".

|

O Servizo Galego de Saúde intercambia as xerencias das dúas áreas co fin de atender e solucionar as protestas que viñan dando nas dúas zonas, especialmente pola dimisións vividas na área viguesa, aínda que para SERGAS a xestión de Félix Rubial foi "unha exitosa etapa de catro anos".


Rubial 1


Felix Rubial


O Servizo Galego de Saúde (SERGAS) anunciou este venres o cambio dos ata agora xerentes das áreas de sanitarias de Vigo, Félix Rubial, e Ourense, Julio García Comesaña, que intercambiarán xerencias co fin de "acometer novos retos".


O cambio de xerencia en Vigo prodúcese despois de que unha vintena de xefes de servizo de Atención Primaria dimitise e de diversas protestas e folgas para denunciar a situación de sobrecarga neste nivel asistencial, pola que pediron a substitución de Rubial, ao que non recoñecían como interlocutor no conflito.


Nun comunicado de prensa, o Sergas informou de que Félix Rubial Bernández foi nomeado responsable de a EOXI de Ourense e Julio García Comesaña novo xerente da área de Vigo.


"Con estes nomeamentos o Sergas aposta por adaptar a dirección das dúas EOXIs aos obxectivos de completar a integración da Atención Primaria e a Atención Hospitalaria e a implantación efectiva do plan galego de Atención Primaria", anuncian.


Para o Sergas, Félix Rubial, que exerceu de director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas entre 2012 e 2015, data na que se puxo á fronte da xerencia viguesa, "culmina unha exitosa etapa de catro anos durante a que pilotou na área de Vigo o proceso de reordenación asistencial máis complexo que se cometeu en España".


"Esta vertebración consolidou o modelo de especialización avanzada dos hospitais Nicolás Pena, Meixoeiro e Álvaro Cunqueiro, convertendo este último nun centro de vangarda avalado por todos os indicadores asistenciais, tecnolóxicos, docentes e investigadores", explicou a Administración sanitaria autonómica.


Ao mesmo tempo, no marco de Atención Primaria, fronte ás críticas de profesionais da área de Vigo, o Sergas incidiu en que "incrementouse a capacidade resolutiva dos centros de saúde e concentrouse a construción de novas infraestruturas" que, engadiu, "permitiron completar un novo mapa máis ordenado, mellor dotado e dimensionado para afrontar os novos retos sanitarios".


Neste sentido, para o Servizo Galego de Saúde, "baixo a premisa o paciente é o primeiro", Rubial "introduciu tamén varias medidas encamiñadas a priorizar a humanización na actividade asistencial".


NOVA ETAPA

Na súa nova etapa en Ourense, Rubial "aborda o desenvolvemento do plan funcional e de espazos do CHUO", destacou o Sergas, así como as "distintas actuacións de mellora e reforma proxectadas tanto no ámbito hospitalario, en Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, como nos centros de saúde da área ourensá", apostilou.


Mentres, Julio García Comesaña, que exercía de xerente de Ourense desde marzo de 2018 e "conta cunha ampla traxectoria profesional", indicaron as mesmas fontes, "acomete unha nova etapa na que se desenvolverán os obxectivos da Estratexia XXI para a área de Vigo", completarase a reforma integral do Hospital Meixoeiro, seguirase desenvolvendo o proxecto de humanización da área sanitaria e priorizarase o remate dos novos centros de saúde proxectados, detallaron.


A Consellería de Sanidade valorou que como xerente da EOXI de Ourense, Verín e O Barco, García Comesaña "reforzou a aposta do Sergas por un dos principais polos de referencia para a investigación e innovación sanitaria no desenvolvemento de proxectos de I+D+i". Ademais, lembrou que desde a dirección do Complexo Hospitalario de Vigo "participou na reordenación da área sanitaria de Vigo, que se desenvolveu nos últimos anos".


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE