Cada vez son máis os fogares galegos que chegan con moita dificultade a fin de mes
Os fogares galegos que chegan con moita dificultade a fin de mes aumentaron no segundo trimestre en comparación cos tres meses anteriores, segundo os datos que publica este martes o Instituto Galego de Estatística (IGE).
En concreto, estes fogares soben do 5,53% ao 6,64%. Con todo, os fogares que chegan con facilidade ou moita facilidade soben ata o 65,5% --máis de dez puntos--, á vez que baixan os fogares con dificultades ata o 27,87% --eran o 38% o trimestre anterior--.
Pola súa banda, case o 25% dos fogares galegos non se permitiron ningún extra --como gastos en vacacións, viaxes ou imprevistos-- nos tres últimos meses.
O 15,4% dos fogares galegos cambiou os seus hábitos de compra, ao pasar a comprar marcas brancas e produtos en oferta para aforrar nos seus gastos. Ademais, o 13% dos fogares diminuíu os seus gastos comúns como roupa e calzado.
O 61% dos fogares galegos ten pensado saír a cear, ir ao cinema ou ao teatro no próximos tres meses. Mentres, o 44% ten pensado facer algún extra en produtos de alimentación e o 41% aforrar diñeiro.
O 17% dos fogares galegos está a pagar a vivenda principal no que habitan, o 7% o coche e o 2% unha segunda vivenda. Descende en 1,5 puntos a porcentaxe de fogares que paga a súa residencia habitual.
Escribe o teu comentario