137 aspirantes para 30 prazas nas oposicións para celador na quenda de discapacidade intelectual
Un total de 137 aspirantes están convocados este sábado, 22 de xuño, ás 16,30 horas na Facultade de Dereito da USC para presentarse ao segundo e terceiro exercicios da fase de oposición para o acceso á categoría de celador pola quenda da discapacidade intelectual. O número de prazas que se ofertan por este sistema de acceso é de 30.
Segundo informou a Xunta, as probas para realizar, de carácter obrigatorio e non eliminatorio, valorarán o coñecemento das persoas aspirantes sobre aspectos básicos da lexislación xeral e específica do ámbito sanitario e lingua galega. Están exentos da realización desta última proba aquelas persoas aspirantes que acreditasen, no prazo de presentación de instancias, estar en posesión do Celga 2 ou equivalente.
Coa realización destes exercicios finalizará a fase de oposición deste proceso, que se iniciou o 9 de marzo pasado, coa realización, no recinto da Feira Internacional de Silleda, da proba de coñecementos específicos, relacionados coas funcións da categoría.
Este é o primeiro proceso selectivo no Sergas no que se habilitou unha quenda de acceso diferenciado para as persoas con discapacidade intelectual, coas pertinentes adaptacións de temarios e tempo de realización das probas que permiten a concorrencia destes aspirantes en condicións de igualdade ao emprego público, facilitando así a súa integración laboral.
Escribe o teu comentario