(VÍDEO) O Dépor deixa o soño de Primeira a 90 minutos
Os herculinos levan un 2-0 para a volta en Mallorca nun partido marcado pola polémica e a expulsión de Pedraza.
Os herculinos levan un 2-0 para a volta en Mallorca nun partido marcado pola polémica e a expulsión de Pedraza.
Quique celebra o gol pantasma concedido ao Dépor
Quedan 90 minutos. 5400 segundos e o Deportivo da Coruña será, unha vez máis, equipo de Primeira División. Ese é o tempo que separa á cidade da Coruña de regresar á elite do fútbol español e mundial despois dun ano nos infernos. O 2-0 que levan os de Pep Martí a Son Moix significan unha magnifica renda para encarar a volta da final do playoff de ascenso. Os goles de Cartabia e Quique permiten aos coruñeses achegarse ao que pode ser o seu decimosegundo ascenso a Primeira despois dunha batalla marcada pola ausencia do VAR e por un susto que deixou ao Mallorca con dez e aos locais suspirando por Bergantiños.
PEDRAZA E SCHRÖDINGER
Foi unha gran noite en Riazor, pero ao principio pintaban bastos. Os bermellones saíron moito máis enchufados na final. Máis dinámicos e acesos pero con poucas ideas nos metros finais, algo que pesou aos visitantes todo o encontro. A primeira ocasión clara foi en área mallorquinista, cun centro desde a dereita que Carlos Fernández cruzou demasiado no seu remate.
O partido igualouse e o Mallorca puido facer o primeiro á media hora á saída dun córner, pero inmediatamente despois Cartabia fixo un deses goles que ben valen un ascenso cun libre directo escorado no perfil destro pero que o arxentino, sen ángulo, puxo na escuadra cun fenomenal zurdazo. Imposible para Raíña, que non puido facer outra cousa que recoller o esférico do fondo da rede mentres se desataba o delirio no coliseo branquiazul.
E tas o 1-0, o drama - ou máis ben o que puido ser un drama - cun balón dividido ao que chega moi tarde Pedraza, escorregándose pero con intención de pelexar o coiro, e que termina plantándolle os ferros a Bergantiños no peito. A acción, demasiado temeraria e que mandou ao capitán dos galegos ao hospital, deixou ao Mallorca con dez e a un Pedraza desconsolado, sabedor de que a súa imprudencia pode valer un ascenso.
No segundo tempo, cun máis, o Dépor cheirou o sangue e foise a ampliar a vantaxe. Custou facer efecto na zaga visitante, ben ordenada e pensando en non conceder máis e deixar todo apertado para a volta, pero a falta de pouco máis de dez minutos para a conclusión, un barullo na área terminou cunha chilena de Quique e co balón que se dirixiu chorando a dentro da portería. Un defensor sacouno , non se sabe se sobre a liña de gol ou unha vez pasada a marca de cal, pero despois duns angustiosos minutos de consultas entre linier e árbitro principal onde os de vermello negaban e os de azul e branco asentían, o colexiado ditaminou que a bóla superara a liña de meta e concedeu o 2-0. Ningunha toma termina por aclarar o verdadeiro destino da pelota, polo que, a falta de VAR e tecnoloxía de gol en Segunda División, todo está ben e mal pitado ao mesmo tempo. O gol de Schrödinger.
Puido levar un botín maior nos minutos finais o equipo coruñés, pero Reina evitou o 3-0 por dúas veces. Co asubío final, os xogadores visitantes foron pedir explicacións aos cadrelos, pero as cabezas duns e outros se foron xa a Son Moix, onde o domingo volverán ver as caras: uns esperan darlle a volta á tortilla; outros celebrar San Juan saboreando sardiñas e ascenso. As dúas afeccións terminarán o domingo saltando a fogueira de rigor, pero só unha pedirá de desexo ver ao seu equipo pronto en Primeira. A outra (esperemos que galega) xa o cumprirá.
Escribe o teu comentario