Publican unha guía para implantar o galego nas administracións locais
A iniciativa da Mesa, destinada aos novos concelleiros dos concellos galegos, conta cun mecanismo de avaliación coa idea de que se cumpran as medidas no horizonte de 2025.
A iniciativa da Mesa, destinada aos novos concelleiros dos concellos galegos, conta cun mecanismo de avaliación coa idea de que se cumpran as medidas no horizonte de 2025.
O Pazo de Raxoi, sede do gobiero compostelán
Os responsables de todos os Concellos galegos contarán cunha guía na que se abordan distintos tipos de medidas e actuacións para a implantación e normalización do galego na administración local, todas elas recollidas de leis, normativas e tratados impulsados por unanimidade.
Esta iniciativa, impulsada pola asociación A Mesa pola Normalización Ligüística, nace coa premisa de que a política lingüística debe ser "transversal" e está orientada a lograr a plena "normalidade" do idioma, de forma que adquira unha "presenza natural" nas relacións entre os cidadáns e a administración.
Segundo explicou en rolda de prensa o responsable da Mesa, Marcos Maceira, detectouse "unha importante desorientación" nestas administracións sobre a forma correcta de actuación e implantación do idioma, na maioría de casos limitado "a unha área concreta", a cultura, e "desligada do resto da actividade municipal".
Neste sentido, apelou ao Estatuto de Autonomía para apuntar a "responsabilidade que lles corresponde" aos responsables políticos e de xestión municipais nesta materia, sobre todo ao tratarse da administración "máis próxima á cidadanía".
A guía está estruturada en varios apartados, abríndose cunha serie de propostas da propia asociación para logo dividir as actuacións en áreas temáticas: urbanismo, infraestruturas e medio ambiente, benestar e saúde, ámbito económico, educación e deporte, cultura ou tecnoloxías da información.
Pola súa banda, segundo explicou a técnica Sara Seco, as propostas incluídas pola propia asociación estrutúranse naquelas orientadas ao cumprimento da lei, a contratación pública e as concesións de axudas, e abarcan desde o uso do galego como lingua vehicular e a súa implantación nos diferentes trámites administrativos e as relacións cidadás ou a súa introdución como elemento positivo á hora de conceder subvencións públicas, entre outras medidas.
PROCESO DE AVALIACIÓN
En total, serán máis de 3.700 guías que se repartirán entre todos os concelleiros que tomen posesión o próximo 15 de xuño. A maiores, A Mesa realizará presentacións ante todas as administracións que o soliciten e tamén aos diferentes partidos políticos.
A guía inclúe, á súa vez, un mecanismo de avaliación dos avances logrados e do cumprimento dos apartados do manual. A través dun cuestionario poderase calcular a porcentaxe e a temporalidade das actuacións executadas, e realizarase un informe de cada municipio, para que as administracións poidan exercer as medidas correctoras necesarias.
O obxectivo é que a implantación da guía poida chegar a completarse nun horizonte de seis anos, alcanzando o cumprimento efectivo á altura do ano 2025.
Escribe o teu comentario