"Por deus, que se deixe de crear alarma" di a Xunta sobre a polémica dos lodos en Sálvora
A Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, Verdegaia, BNG, pescadores e outros colectivos alertaron do traslado da dragaxe do Lérez aos límites do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Rosa Quintana dá a cara ante o sector pesqueiro e promételles que os lodos non están contaminados e que non hai unha decisión definitiva tomada sobe onde se depositarán.
A conselleira do Mar, Rosa Quintana, garantiu que "non se fará nada que prexudique a ninguén" na xestión dos lodos resultantes da dragaxe do río Lérez. "Eu apelo a que, por deus, déixese de crear tanta alarma no sector pesqueiro", afirmou.
Así o apuntou en declaracións aos medios tras reunirse este martes en Santiago con, entre outros, o patrón maior de Ribeira e presidente das confrarías galegas, José Antonio Pérez Sieira; o patrón maior de Aguiño, José Santamaría; e o alcalde en funcións de Ribeira, Manuel Ruiz Rivas (PP).
"Non sei de onde sae a intranquilidade se non é por irresponsabilidade de determinados grupos", reflexionou a conselleira, despois de que o sector mostrase o seu rexeitamento a que poida haber vertidos de lodos resultantes da dragaxe na contorna da illa de Sálvora.
Deste xeito, Quintana denuncia que "se están dicindo unha serie de mentiras, como que se están facendo vertidos en Sálvora, que están autorizados por Portos de Galicia, que son lodos contaminantes...". "Parece ser que o único que queren é trasladar preocupación ao sector", lamenta.
A ÚNICA DECISIÓN TOMADA É QUE NON LEVARÁN A TAMBO
Nesta liña, deixa claro que é falso que haxa vertidos de lodos procedentes do Lérez en Sálvora nin que Portos autorizase o seu envío, xa que non ten competencias para facelo. Por iso, insiste en chamar á "tranquilidade" ao sector.
A conselleira explica que a tramitación da dragaxe está nunha fase inicial, pois "se están terminando todos os estudos no que ten que ver con impacto ambiental".
Tras iso, "haberá un período de exposición pública" para presentar alegacións e despois tramitaranse todos os informes correspondentes ante a Consellería de Medio Ambiente e o Ministerio de Transición Ecolóxica. A única decisión tomada é a de non levar os áridos a Tambo e estúdanse as posibles alternativas.
Os ÁRIDOS NON ESTÁN CONTAMINADOS
Tamén asegura que "os áridos da ría do Lérez non teñen contaminación ningunha" e que son inocuos. "Isto estará proximamente ao dispor do público en xeral para que o poida ver e contrastar", apostila.
"Non podemos pretender dicir que hai que facer as dragaxes máis rápido, como me acusa algún grupo da oposición, e logo cando se ve que as dragaxes é necesario facer unha tramitación ambiental moi completa tamén criticalo", di.
Respecto diso, defende que "Galicia foi pioneira á hora de facer todos os estudos ambientais para poder abordar as dragaxes". De feito, apunta que o sector critica o "moito tempo" que leva a tramitación, debido a que se realizan todos os estudos "pertinentes" para "acreditar que os áridos que se van a extraer non están contaminados".
Ademais, indica que "o destino deses áridos decídese en función de seis puntos de vertedura que están autorizados desde o ano 1998", "cumprindo todos os trámites internacionais como nacionais en canto ao que ten que ver co impacto ambiental e a tramitación administrativa en si". Resalta que se aposta por "sustentabilidade", "buscando sempre os puntos de vertedura que estean afastados de onde actúa a frota de baixura" e "para que tampouco afecte ao arrastre".
"MENSAXE DE TRANQUILIDADE" PARA O SECTOR
Pola súa banda, o patrón maior de Ribeira e presidente das confrarías galegas, José Antonio Pérez Sieira, sinalou que a conselleira do Mar trasladoulles unha "mensaxe de tranquilidade", xa que "non existe ningunha autorización de Portos" para o depósito dos lodos.
Ademais, indica que hai que esperar a que se faga a avaliación científica dos áridos, pero "de momento non se atopou case ningunha partícula de nada" prexudicial. "Se houbese algo raro ou contaminado non se vai a botar ao mar, nunca se fixo, levaría para terra para tratar doutra maneira", indica Pérez Sieira.
Indica que en toda Galicia hai seis puntos de vertedura, mentres "antigamente por detrás de Sálvora, a dúas millas e media, estaban a botarse", "pero son áridos que hai que dragar dos portos", pois "hai seis ou sete dragados máis que vanse a facer no peirao de Rianxo, Carril, Ribeira...".
Escribe o teu comentario