Polémica por unha vertedura de lodos á beira do Parque Nacional das Illas Atlánticas
Os lodos da dragaxe do Río Lérez poden acabar na contorna da Illa de Sálvora. A eurodeputada do BNG xa o denunciou ante a Unión Europea, aínda que a Xunta insiste en que non hai decisión definitiva tomada. Grupos ecoloxistas como Verdegaia consideran o plan "inadmisible".
Os lodos da dragaxe do Río Lérez poden acabar na contorna da Illa de Sálvora. A eurodeputada do BNG Ana Miranda xa o denunciou ante a Unión Europea, aínda que a Xunta insiste en que non hai decisión definitiva tomada. Grupos ecoloxistas como Verdegaia consideran o plan "inadmisible".
A asociación ecoloxista Verdegaia cualificou de "inadmisible" e "absolutamente fóra do razoable" que o destino de lodos procedentes da dragaxe que está previsto realizar no río Lérez sexa unha zona "a escasas dúas millas" do Parque Nacional Marítimo Terrestre Illas Atlánticas.
Cabalos en Sálvora | Roteiros Galegos CC BY-NC-SA 2.0
"Unha vertedura incontrolada entre dúas zonas marítimas protexidas é un auténtico despropósito que pon en perigo a protección dos seus valores naturais e, consecuentemente, dos valores socioeconómicos (turismo, pesca e marisqueo) vinculados ás actividades da ría de Arousa", advirte.
MERECE A PENA DRAGAR O LÉREZ?
Neste sentido, engade que os fondos mariños do parque, que teñen un "inmenso valor" ambiental, "pódense ver afectados polo traslado de materiais da vertedura, debido ás correntes mariñas".
Cuestiona, ademais, a necesidade da dragaxe, unha obra da que di que "ademais de non ser imprescindible, reporta máis prexuízos que beneficios para o medio ambiente e para a poboación en xeral".
Denuncia que dita obra proxéctase "para un fin privado de nulo interese social" e, no caso de que se faga, apunta que as entidades que a demandan "deberían correr cos gastos de dragaxe, tratamento e descontaminación do material extraído".
O MARISQUEO É CLAVE PARA A ECONOMÍA DE AROUSA
Por último, comparte a "preocupación" do sector marisqueiro e incide en que "deslocalizar a vertedura non soluciona nada", senón que "só traslada o problema".
Así, Verdegaia insta o organismo xestor do parque e á Consellería de Medio Ambiente a pronunciarse en contra do proxecto "e, en todo caso, a realizar unha avaliación exhaustiva tanto dos danos previstos como dos danos xa sufridos na zona de Sálvora polas verteduras que desde hai anos (...) veñen realizando".
Escribe o teu comentario