A mineira de Touro leva dous meses sen remitir a nova documentación que lle reclama a Xunta
A Xunta pediu en marzo nova documentación á empresa que quere reactivar a mina de Touro e O Pino (A Coruña) e segue co trámite deste proxecto, ao suspender o prazo de avaliación ambiental "á espera de recibir a" devandita información.
Así o explicou a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, a preguntas do viceportavoz de En Marea, Antón Sánchez, no pleno do Parlamento, onde este último criticou que suspendese o prazo, tras alertas sobre a situación dos terreos.
A conselleira reivindicou a defensa da legalidade por parte do Goberno galego e a "tramitación conforme á normativa". Neste sentido e ante as críticas do parlamentario de En Marea, subliñou que "ilegalidade ningunha".
A cronoloxía do proxecto que impulsan Explotacións Galegas (a propietaria dos terreos) e Atalaia Mining en Touro-O Pino iníciase en maio 2017. En xullo dese ano arrincou o proceso de avaliación de impacto ambiental polo trámite ordinario e en agosto empezou a fase de información pública, ata outubro de 2018.
En novembro do ano pasado, a Xunta pediu máis información á empresa e en decembro deulle conta dunha modificación da lei que implica a petición de nova documentación sobre o impacto ambiental.
Xa en febreiro deste ano, a Administración autonómica recibiu esa información "complementaria" e en marzo requiriu nova documentación en materia de prevención de riscos e continúa "á espera", para o que suspendeu o prazo de avaliación ambiental, segundo relatou a conselleira.
Escribe o teu comentario