​O PSOE é o triunfador das eleccións locais nas cidades galegas á conta das mareas

Os socialistas parecen en condicións de gobernar todas as urbes, salvo Pontevedra. As mareas retroceden e perderán case todo o poder que tiveron nesta lexislatura. O PPdeG non ten opcións de pisar moqueta en case ningunha cidade. O Bloque avanza timidamente en varias cidades pero noutras se estanca a pesar da caída das mareas. Cidadáns entra con certa forza en Ourense onde pode ser clave, pero segue moi lonxe do PPdeG.


|

Os socialistas parecen en condicións de gobernar todas as urbes, salvo Pontevedra. As mareas retroceden e perderán case todo o poder que tiveron nesta lexislatura. O PPdeG non ten opcións de pisar moqueta en case ningunha cidade. O Bloque avanza timidamente en varias cidades pero noutras estáncase a pesar da caída das mareas. Cidadáns entra con certa forza en Ourense onde pode ser clave, pero segue moi lonxe do PPdeG.


O Partido Socialista de Galicia é o principal beneficiario da nova repartición de poder municipal en Galicia, especialmente na provincia da Coruña. As mareas son o reverso da moeda. Os alcaldes rupturistas de Santiago, A Coruña e Ferrol quedan sen opcións de formar goberno no medio dun naufraxio xeral da esquerda rupturista, que mesmo desaparece por completo das corporacións de Ourense e Pontevedra. Os seus bastóns de mando pasan a mans socialistas.



Bugallo celebra resultados

Bugallo celebra resultar en Santaigo


TROMPAZO DE CASE TODAS AS MAREAS

A guerra civil de En Marea e a onda socialista desatada polo triunfo de Pedro Sánchez facía prever unha mala xornada para as confluencias e así foi. Os socialistas galegos recuperan claramente o liderado da esquerda e, con el, a maioría das alcaldías urbanas de Galicia.


CABALLERO LIDERA O AVANCE SOCIALISTA

Haberá alcalde do PSOE, como esperaba todo o mundo, en Vigo. Caballero arrasa e avanza ata conseguir 20 dos 27 concelleiros. Vitoria incontestable que reforzará o seu peso no PSOE a nivel estatal.


Outro clásico da política galega, Xosé Sánchez Bugallo, tamén ten na súa man todas as cartas para ser alcalde. O PSdeG de Santiago esnaquizou a Compostela Aberta, que perde a metade dos seus concelleiros. A opción preferida dos socialistas será gobernar en solitario, sen ofrecer entrar no goberno nin aos de Martiño Noriega nin ao Bloque.


Visto os resultados de hoxe, parece evidente que boa parte dos votos que levantaron a Noriega ao Pazo de Raxoi procedían do celeiro socialista e volveron a el atraídos pola experiencia de Bugallo e o recente triunfo de Sánchez.


O PP NON SE ESNAFRA, PERO NON LLE VALE DE NADA

O PP de Santiago, con 8 concelleiros, non ten con quen aliarse para facer fronte ao triunfo de Bugallo. Algo similar sucédelle en Ferrol, onde é o máis votado pero previsiblemente José Manuel Rey Varela quedará a un concelleiro de poder facerse invulnerable a unha probable alianza das esquerdas. Se, como parece, Lara Méndez resiste -aínda que sexa pola mínima- en Lugo aliada co BNG, os de Alberto Nuñez Feijóo quedarán sen opcións de gobernar ningunha cidade. En definitiva, o Partido Popular de Galicia conseguiu salvar o desastre das xerais nas cidades galegoa pero, en termos de poder real, seguirá pasando moita necesidade en todas as cidades, salvo que en Ourense consigan convencer a Democracia Ourensá de formar unha alianza, algo bastante improbable pois están empatados a sete escanos e  Jácome pedirá ser alcalde.


Non ten todas as cartas na súa man Isabel Rey para gobernar A Coruña, pero si as suficientes. Debutante e case descoñecida ata hai uns meses, a socialista será alcaldesa, salvo que Marea Atlántica e BNG se enroquen e permitan un goberno do PP e Cidadáns, algo tamén moi improbable. Xulio Ferreiro recibe un importante pau. Quédase  con 6 concelleiros e así, como moito, pode aspirar a ser muleta socialista nun goberno compartido.


O BNG VOLVE A TODAS CIDADES PERO NON SE ALIMENTA DAS DESASTRE DAS MAREAS

O Bloque partía con moito optimismo para estas eleccións e os resultados, polo menos nas cidades, indican certa melloría, volvendo a todos os plenos, pero aos nacionalistas aínda lle queda camiño por andar para recuperar o peso que tiveron no seu día. Certo que Lores seguirá gobernando unha vez máis Pontevedra, pero farao sen maioría absoluta, a pesar do trompazo de Marea de Pontevedra. Esa mesma tendencia repítese noutras localidades. Os problemas das mareas tradúcense en golosas ganancias socialistas, pero non en avances -polo menos en avances importantes- nacionalistas. A mellor noticia para o Bloque é o retorno aos plenos de Ourense, Ferrol e Vigo. Especialmente porque en Ourense e Ferrol teñen opcións de entrar no goberno.


CIDADÁNS SEGUE SEN CONSOLIDARSE NAS MUNICIPAIS

Cidadáns, pola súa banda, seguirá sen ser unha forza determinante en ningunha cidade galega. A mellor noticia para os laranxas provén de Ourense, onde o ex-tenente de alcalde do PP permitiulles entrar con tres concelleiros, que lles permiten certo poder no complicadísimo xogo de poder do consistorio ourensán. Fóra de aí, os de Albert Rivera seguirán sen pisar moqueta en Galicia.


VOX CASE NON EXISTE NAS CIDADES GALEGAS

Vox, por último, non conseguiu ningún concelleiro urbano na autonomía. Polo menos niso a estratexia do Partido Popular deu resultado. Tócalle agora a Feijóo deseñar unha estratexia para evitar que o forte avance socialista acabe levándose por diante tamén a  súa maioría absoluta no Parlamento de Galicia.

relacionada Inés Rey devolve a alcaldía aos socialistas na Coruña
relacionada En Ferrol gobernará probablemente un tripartito de esquerdas
relacionada ​Os socialistas conquistan Europa con 20 deputados
relacionada Os primeiros resultados oficiais indican que Bugallo será alcalde

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE