​Goretti Sanmartín (BNG): “Santiago sabe que aquí non haberá maiorías absolutas e que non vai gobernar a dereita"

Galiciapress entrevista a Goretti Sanmartín (1964) candidata do BNG á alcaldía de Santiago de Compostela. Como vicepresidenta da Deputación da Coruña mantén a súa postura  de suprimir as deputacións, pero loitar desde dentro e xestionándoas mentres tanto. A edil nacionalista aspira ser a gran sorpresa destas eleccións, avoga por un turismo desestacionalizado e reclama máis políticas feministas. A estratexia de pactos no Pazo de Raxoi tras o #26M é outro dos puntos desta conversación.


|

Galiciapress entrevista a Goretti Sanmartín (1964) candidata do BNG á alcaldía de Santiago de Compostela. Como vicepresidenta da Deputación da Coruña mantén a súa postura de suprimir as deputacións, pero loitar desde dentro xestionándoas mentres tanto. A edil nacionalista aspira ser a gran sorpresa destas eleccións, avoga por un turismo desestacionalizado e reclama máis políticas feministas. A estratexia de pactos no Pazo de Raxoi tras o #26M é outro dos puntos desta conversación.


Goretti san martin

Galiciapress entrevistou á alcaldable polo BNG Goretti Sanmartín


O pasado 28A, o BNG experimentou un notable aumento no número de votos con respecto aos anteriores xenerais. Pontón fala de “remontada” e do 26M como unha “segunda parte” das xerais e, no seu caso, a oportunidade de ter unha alcaldesa feminista en Santiago. É equiparable este resultado ás aspiracións do partido as eleccións de maio?

Cada elección é un proceso distinto e danse en distintos contextos. Pero entendemos estes procesos ata as eleccións autonómicas de 2020 como unha larguísima campaña electoral para poder situar ao BNG como alternativa necesaria ás políticas do Partido Popular.


Hai unha falta de modelo e unha ineficacia de xestión por parte de Compostela Aberta que xerou unha gran decepción  


No caso de Santiago entendemos que hai unha falta de modelo e unha ineficacia de xestión por parte de Compostela Aberta que xerou unha gran decepción entre os veciños, que creo que están a mirar con moi bos ollos o traballo feito polo BNG tanto desde o goberno como desde a oposición, como nos últimos anos, con alternativas cribles, realizables…Temos moita enerxía positiva ao redor e moita xente que nos mostra o seu interese, que regresa ao BNG e quere saber as nosas iniciativas. Temos esperanzas, cremos que imos ser a sorpresa destas eleccións e que imos cultivar un moi bo resultado.  


A outra lectura que deixou as xerais é que en grandes cidades Vox pasou a ser a quinta forza política. Non é o caso de Santiago, pero, preocúpalle ese dato?

Non, en Santiago de Compostela Vox non ten nin posibilidades remotas de saír nin de ter influencia ou presenza, aínda que é certo que mediáticamente ás veces as cousas móvense sen ter tan sequera candidatura ou penetración social. A xente de Santiago sabe que aquí non haberá maiorías absolutas, e iso é bo, porque é bo que haxa dialogo, consenso e acordos, e sobre todo que non vai gobernar a dereita, e iso sábeo toda a cidadanía. Non vai gobernar nin o PP só nin en alianza con outras forzas que poden entrar no concello.

A xente de Santiago sabe que aquí non haberá maiorías absolutas e que non vai gobernar a dereita

O que realmente nos xogamos é que contemos con políticas de esquerdas, transformadoras, galeguizadoras…entendemos que o BNG é unha garantía deste tipo de políticas e que si ou si as distintas forzas e as persoas que van votar á esquerda van poñer encima da mesa a necesidade de dialogar e chegar a acordos para formar un goberno. O que nos preocupan son as políticas e no que queremos incidir é en que as políticas que se fagan partan dunha visión de esquerdas da política e as transformación social.  


Non haberá maiorías absolutas e as últimas enquisas seguen dando unha clara vantaxe á posibilidade de formar un goberno de esquerdas. No caso do BNG os datos danlle entre dous e tres concelleiros, aínda que vostede augura que serán a gran sorpresa. Se na man do Bloque está a decisión dun goberno liderado por Compostela Aberta ou polo PSOE, cal é a preferencia do BNG?

Nós poñemos como preferencia os programas e as políticas. O que imos poñer encima da mesa non é quen se vai a sentar na alcaldía, porque non entendemos a política desde un sentido egocéntrico senón desde un punto de vista colectivo. Os nosos programas e propostas son dabondo coñecidos, así como as nosas liñas vermellas, e queremos comezar a traballar e actuar sobre eses programas.  


E como se concretarán estes criterios?

Como iso se acabará concretando? Hai moitas posibilidades e formulas: desde un tripartito ata chegar a acordos para gobernos en minoría. Son moitas as opcións e case é mellor preguntar ao resto que é o que queren, porque nós sempre estamos dispostos ao diálogo e a alcanzar acordos, mentres o resto pelexa entre si en lugar de concienciarse de que ese vai ser o escenario que nos tocará xestionar a partir do día 26. Nós sempre coa base firme, sólida e convincente de respectar o que di o conxunto da poboación e ao mesmo tempo de chegar a eses diálogos e acordos por políticas transformadoras e galeguizadoras, pero nunca facilitando gobernos da dereita.


CAMBIOS NA CIDADE

Falaba agora de falta de modelo e ineficacia de xestión por parte de Compostela Aberta. Como ve á cidade despois destes catro anos con Martiño Noriega á fronte da alcaldía?

Podemos vela practicamente igual. Só hai unha cuestión da que podemos falar que a cidade avanzou, e é a corrupción e o que foi o nefasto período do PP gobernando en Santiago de Compostela. Pero no resto de asuntos, os veciños dirán que nada máis cambiou en catro anos.


Non houbo esas grandes transformacións anunciadas por esa xente que viña facelo todo, porque entendemos que entre o que se di e o que se fai, no caso de Compostela Aberta, hai unhas distancias moi grandes. Nin hai un plan de accesibilidade, houbo un proceso de turistificación moi grande, houbo problemas cos servizos para que as rúas mantivésense limpas e en perfecto estado…non hai esa definición de cambio de modelo mentres se houbo problemas no pago a provedores, e iso fixo que moito do diñeiro que ten e que xestiona o concello tivese que ser para amortizar débeda, e véndese iso como un logro cando era necesario que ese diñeiro fose destinado a moitos barrios, agora abandonados e con problemas en cousas do día a día, ou problemas que necesitarán acordos ou pactos, como as infraestruturas ou o fracaso da depuradora. Hai cantidade de elementos que exemplifican que a cidade perdeu peso político.


Parece que hai unha resignación ao redor desta cidade por ter menos de 100.000 habitantes, pero sempre dicimos que aínda que teñamos menos de 100.000 habitantes o que temos é unha universidade, que recibe unha cantidade importante de visitantes e que é a capital do país, por iso necesita a axuda correspondente e non a que se dá nestes momentos. Ten unha universidade moi potente con moitísima xente ligada a esa comunidade universitaria que está a residir en Santiago e que fai un traballo pioneiro, por tanto a cidade ten que ter moita máis ambición e moita máis proxección a medio e longo prazo.


Fai falta un urbanismo feminista, polo que non pode ser que manteñamos zonas da cidade pouco iluminadas e mulleres que non vaian por determinados roteiros se é de noite.  


Ademais da corrupción, outro dos puntos nos que quizais se avanzou en Santiago é no feminismo e os seus programas contra a violencia machista. Vostede é unha recoñecida feminista, como ve a cidade nese aspecto? Que pode mellorar?

Si, é certo que houbo programas e campañas, fundamentalmente de sensibilización, e potentes a ese respecto. É bo recoñecelo, porque é un ámbito no que creo que debería haber, se non unanimidade polo menos un gran acordo no conxunto das forzas políticas.


Falta un plan de igualdade que sexa realmente transversal. Fai falta un urbanismo feminista, polo que non pode ser que manteñamos zonas da cidade pouco iluminadas e mulleres que non vaian por determinados roteiros se é de noite. Temos que conseguir romper o dominio do medo, pero sobre todo conseguir que o plan de igualdade teña investimentos e prioridades, non que sexa un catálogo de medidas que se convertan nunha declaración de vontades. Hai que pasar do campo da sensibilización ao da actuación. Ese é o elemento fundamental que nos falta e que se faga feminismo de maneira transversal desde todas as áreas de goberno.


Pensamos que se fai política social só desde o departamento de servizos sociais, e non é así, porque se fai moita política social desde economía, con bonificacións que fan moitísimo pola igualdade, desde urbanismo, desde deportes, desde cultura… moitos ámbitos que poden desenvolver políticas feministas que son necesarias de abordar e que aquí aínda non se conseguiu. Hai un traballo que podemos cualificar de bo, pero exclusivamente desde o departamento de igualdade, e que aínda hai que mellorar cousas, pero hai que alcanzar esa transversalidade en todas as políticas que se xeren.


PROXECTOS E PROBLEMAS

Un dos puntos ao redor dos que virou a campaña é a fusión de concellos, con Teo no centro do debate. Vostede reiterou que a proposta por parte de Compostela Aberta ten “fins electoralistas”, aínda que non descarta a fusión de municipios. Cal é a proposta do BNG respecto diso? Onde estaría o límite á hora de fusionar concellos?

O problema son as prioridades. En política non é só si ou non, senón: para que? Entendemos que hai moitos ámbitos nos que pode existir unha xestión mancomunada dos servizos e que o lóxico sexa avanzar nese aspecto. O que non pode ser é que fai catro anos existise un debate, non se fixese nada por parte do goberno nin iniciativas en durante ese tempo pero que agora se volva a sacar. Hai moitos temas nos que se pode traballar, como no transporte, o Consorcio Metropolitano de Transportes para conseguir que poida haber transporte a todos os lugares e que unha persoa residente en Milladoiro poida ir o polígono do Tambre e chegue en tempo e forma. Hai moitísimo que facer no referido a recollida e xestión de residuos, como esa planta de compostaxe que poida ser comarcal. Pode haber no Consorcio de Turismo e outras moitas cuestións nas que poderiamos avanzar para as necesidades deste conxunto da poboación que vive e que ten que ter a Santiago como centro de referencia. O resto é empezar a casa polo tellado.


Santiago non dá resolvido un problema grave relacionado cunha discriminación histórica do rural onde moitos lugares aínda non teñen abastecemento e saneamento, e agora o que se ten que dar é que atendamos a iso, que talvez se poida facer cos concellos limítrofes. Se cadra hai sitios que por localización é máis sinxelo dotalos de abastecemento e saneamento a partir de convenios de colaboración con outros municipios, traballemos nesa liña na que estamos de acordo de comarcalizar servizos e non nunha fusión por encima coa que o único que se pretende é vender fume e evitar que se falen doutros asuntos que de verdade preocupan á xente, como é a falta de xestión e a incapacidade de sacar adiante moitos proxectos.


As propostas dese calado necesitan dun estudo, dun traballo, unha análise, e se se quere camiñar cara a ese lado as transformacións non se poden facer dun momento para outro, e neste caso hai que mirar a cidades como Pontevedra. Sabían o que querían e que modelo de cidade querían, mesmo veces fixérono con medidas que no seu momento puideron non ser moi populares, pero dixeron que ese era o seu modelo, e se se quere un modelo dese tipo primeiro hai que traballar para iso, pero non se deron pasos en ningunha área para que foi unha realidade.


Doutra banda, un dos temas que máis preocupa aos veciños de Santiago é a masificación do turismo e a proliferación dos pisos turísticos. A súa compañeira Navia Rivas alertou da conversión de comercios históricos en albergues ou tendas para AGASALLOS. Os cidadáns, mesmo, din sentirse desprazados ante tanta afluencia de visitantes. Chegou o momento de poñerlle un coto ao turismo na cidade? Que medidas pódense aplicar para loitar contra a especulación turística? Vostede avoga por diversificar o turismo de fronte ao rural…

Non é tanto poñerlle un coto, senón cambiar o modelo. No canto dun turismo de cantidade, onde todo mídese en cifras na actualidade, mudalo por un turismo de calidade, de persoas que veñan pasar varios días, a facer vida cultural, turismo verde, xente que veña a facer turismo de congresos, gastronómico… que veñan ter un maior coñecemento da cidade e que non se base nese patrimonio que temos, que ben parece que se diferencia en Patrimonio A: a Catedral de Santiago; e Patrimonio B: o resto. Toda a zona histórica é Ben de Interese Cultural, pero en Santiago hai que ir ao Castelo dA Rocha, á Colexiata do Sar, cantidade de igrexas e lavadoiros no rural, os petróglifos de Conxo…hai moitísimo que ver.


O diagnóstico está feito e o que temos é que desestacionalizar o turismo e deslocalizarlo. Hai moitos países para os que o noso clima de inverno é benigno e conseguir ser un lugar de visita en todas as épocas do ano, e conseguir que os que veñan fágano doutra maneira e con outros intereses. Pero sobre todo hai unha cuestión prioritaria, que é a de manter a cidade histórica con vida e que non perda a súa identidade. Temos que conseguir que haxa servizos, que teña fibra óptica, propoñemos un viveiro de comercios deslocalizado, que sería o que tentaría combater esa tenda de lembranzas que fai que nunha rúa como ao de Acibechería no canto de ter artesanía galega haxa tendas de lembranzas vindas de Asia. No canto dese modelo propoñemos que o Consorcio de Santiago puidese comprar cada ano cinco ou seis locais na Zona Vella e poida cedelos a xente que queira empezar o seu negocio e que dese xeito ese negocio non poida ter de ningunha maneira relación co turismo e que poidan ser profesións liberais.

O noso patrimonio parece que se diferencia en Patrimonio A: a Catedral de Santiago; e Patrimonio B: o resto

O que non podemos facer é que sigan pechando comercios emblemáticos e que ao final non exista diversificación comercial e que a xente de Santiago tampouco poida vivir aí. O problema para a combater iso, que se agudizou nos últimos anos, é dotar de servizos á Zona Vella, conseguir combater os pisos turísticos ilegais e que non siga crecendo o prezo do aluguer, e conseguir por tanto recuperar vivendas de protección social na Zona Vella. Había esa proposta que deixou feita o bipartito de facer esas vivendas de protección oficial para a mocidade en Xoán XXIII, pero que finalmente quedou en suspenso porque ao PP ocorréuselle a graza terrible de dicir: “os mozos que se vaia a Lamas de Abade que aquí poñeremos pisos de luxo”. Loxicamente, o concello opúxose a iso, pero o problema é que temos que ser capaces nesta e outras cuestións é de que o concello teña o suficiente peso político para dicir que esa é unha cuestión de cidade e conseguir apoios doutras forzas políticas, así como do ámbito social e empresarial, e cambialo para que aquí hai pisos de protección oficial, que non se fixo ningunha desde que o Bloque abandonou o goberno de la Xunta.


Vostede segue avogando por suprimir as Deputacións, aínda que nos debates dixo que mentres sigan existindo seguirá pelexando desde elas. Aínda non se deron o resultados pero, está disposta a revalidar o pacto co PSOE?

Nós por suposto que estamos en contra das Deputacións. É un modelo onde o importante é o financiamiento dos concellos, ese é o grave problema, e o que habería que facer é unha distribución de todos eses recursos directamente aos concellos. É un modelo polo que avogamos desde o BNG levando á área de cooperación dos concellos.  Redactamos o modelo do Plan Único, que o que fixo foi que no canto de repartir o diñeiro a través de subvencións nominativas pasamos de 24 millóns aos 100 que se dan na actualidade e o que se fai é dicirlle aos concellos que o gasten no que estimen. Non para que teñas que facer como antes un campo de futbol, por exemplo, e todo o mundo a facer campos de fútbol. A cuestión é que os concellos teñan autonomía. Por tanto, mentres existan pelexaremos desde dentro para que teñan unha distribución obxectiva e transparente dos recursos e que sirvan aos concellos e ao tecido social asociativo, que sufriu moito na época da crise e aí tamén conseguimos duplicar os investimentos, volver poñelos onde estaban antes da crise e conseguir unha reformulación de todas as liñas de axuda para que festivais e entidades puidesen ter unhas subvencións dignas.


A avaliación do pacto na Deputación é moi positiva, pero agora tocará mirar cales son os obxectivos e retos que expomos para o próximos catro anos


Agora ben, nós tiñamos moi claro cando alcanzamos ese pacto cales eran os acordos, ao que queriamos chegar e cal é a liña que queriamos ver. A avaliación é moi positiva, pero agora tocará mirar cales son os obxectivos e retos que expomos para o próximos catro anos e unha vez sáibanse os resultados das eleccións sentar a mirar as propostas e programas. De antemán nós non temos nin pactos nin compromiso e esperaremos aos resultados. O que si podo dicir é que independentemente de quen goberne na Deputación da Coruña despois das próximas eleccións houbo propostas e iniciativas nosas que ningunha forza política que puidese vir detrás en caso de non renovarse o goberno non vai poder modificar, porque foi tan boa a colleita e tan importante ese cambio que todo o mundo manterá ese esquema que nós iniciamos.

relacionada ​Bugallo: “Todos os apoios que teñamos para sacar adiante o noso proxecto de cidade serán ben recibidos”
relacionada Noriega: "Non converteremos a cidade nun Gran Irmán"
relacionada O CIS prevé que Bugallo (PSOE) recupere a alcaldía de Santiago de Compostela
relacionada As enquisas manteñen ao PSOE como primeira forza en Galicia

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE